A Xunta chama en Edugal a incentivar a formación e a innovación entre os máis novos para asegurar a fortaleza do talento galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a novena edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia

Salientou a necesidade de promover as vocacións STEM para definir aos futuros profesionais 4.0 e responder así ás necesidades do mercado laboral

Pontevedra, 13 de febreiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, vistou hoxe a novena edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal), que conta coa presenza do stand de Galicia Emprego.

Conde afirmou que a mocidade ocupa o lugar central á hora de definir o futuro de Galicia, xa que marcará as directrices económicas e sociais, e que polo tanto resulta imprescindible colaborar activamente co tecido empresarial para blindar a formación como elemento que marque a diferenza.

O conselleiro apelou á necesidade de sumar esforzos á hora de ofrecer unha formación máis especializada aos máis novos, fomentando a cualificación dos futuros profesionais e fortalecendo a identidade e o potencial do talento galego. Deste modo, puxo énfase na exploración de novos eidos para asegurar o crecemento do tecido empresarial, incluíndo os camiños inéditos que definen as novas tecnoloxías.

Así, Conde chamou a potenciar os modelos baseados na innovación, aqueles que, asegurou, definen aos profesionais 4.0 que reclaman prioritariamente desde o mercado laboral. Neste senso, o titular de Economía, Emprego e Industria insistiu na obriga de incentivar as vocacións STEM, especialmente entre as máis novas.

Con este cometido, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), tense adherido á iniciativa europea #OndeEstánElas, que nace co propósito de maximizar a visibilidade das mulleres na vida pública, sobre todo en debates, eventos e conferencias.

Participan 56 expositores

Promovido pola Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa (Aempre) co apoio da Xunta de Galicia, o 9º Salón Edugal reúne 56 expositores no recinto feiral de Pontevedra nos que estudantes e familias poden informarse das diferentes opcións de formación que se ofertan en Galicia.

O obxectivo é proporcionar información e orientación académica para facilitar a elección dos estudantes sobre o seu futuro. Ademais dos expositores, o programa complétase con conferencias, charlas de orientación, obradoiros e demostracións.

Imaxes relacionadas