Un total de 21 novos proxectos empresariais reciben formación e asesoramento na nova edición do Espazo Coworking de Ferrol

A quinta convocatoria do coworking promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Escola de Organización Industrial (EOI) comeza a súa actividade no CIS Galicia

Os participantes desenvolverán, entre outros, proxectos de enerxías renovables, deseño e comunicación, moda sostible e servizos de formación e asesoramento

Ferrol, 13 de febreiro de 2020

A quinta edición do espazo coworking de Ferrolterra, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), comeza a súa quinta edición, na que os promotores de 21 iniciativas de emprendemento recibirán formación, asesoramento e titoría á medida das súas necesidades durante os próximos cinco meses para acelerar a posta en marcha dos seus proxectos empresarias.

As actividades dos 24 emprendedores, 15 mulleres e 9 homes, que se acelerarán nesta convocatoria do coworking con sede no CIS Galicia abranguen sectores produtivos variados como as enerxías renovables, a comunicación, o deseño gráfico e marketing dixital, a moda sostible, o turismo e a alimentación, e servizos de asesoramento e formación para pemes e recursos humanos.

Onte comezou tamén a quinta edición da aceleradora de Santiago de Compostela e nos próximos días darán comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos da rede promovida pola Xunta, que nesta edición contará con tres novas aceleradoras. Xunto cos xa activos, estarán en funcionamento un total de 10 coworking.

Os tres coworking que se activan este ano acelerarán iniciativas relacionadas con actividades específicas. Así, o do Ribeiro, situado no concello ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que o de Palas de Rei (Lugo) se centrará no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea. O espazo que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela, Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol) e O Salnés (Vilanova de Arousa). A rede de espazos coworking forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Imaxes relacionadas