A Xunta informa ás empresas da industria forestal das comarcas de Barbanza, Muros e Noia das diferentes axudas á súa disposición

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou en Outes nunha xornada informativa en colaboración coa Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga)

Lembra que nas próximas semanas se publicarán convocatorias de apoios por 12,4 millóns de euros para promover a innovación e os investimentos tecnolóxicos no sector

Outes (A Coruña), 12 de febreiro de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde en Outes (A Coruña) nunha xornada organizada en colaboración coa Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga) para informar ás empresas da industria forestal das comarcas de Barbanza, Muros e Noia das diferentes convocatorias de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que están á súa disposición.

Na súa intervención, Lema lembrou que nas próximas semanas, tal e como xa se adiantou no Consello da Xunta, se publicarán apoios específicos para a industria forestal por 12,4 millóns de euros. Así, por unha banda, poñerase en marcha unha orde de axudas cofinanciada con fondos Feader e dotada con 10,4 millóns de euros para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais.

Activarase así mesmo un programa por 2 millóns destinado ás empresas da segunda transformación da madeira e o sector contract, co que se apoiarán os investimentos dirixidos á valorización, potenciación, innovación e mellora neste eido.

No encontro tamén participaron técnicos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que informaron de diferentes convocatorias de axudas no eido da eficiencia enerxética e a mellora da competitividade.

Imaxes relacionadas