Balseiro participa nun programa especial da radio escolar do CEIP Ramón Falcón para conmemorar o Día Mundial deste medio

O delegado territorial da Xunta gabou o esforzo da comunidade educativa do centro “por desenvolver iniciativas como esta, que van máis aló do currículo lectivo”

Castro de Rei (Lugo), 12 de febreiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou nun programa especial co que a radio escolar do CEIP Ramón Falcón, en Castro de Rei, quixo conmemorar o Día Mundial da Radio -que se celebra mañá-.

O delegado someteuse ás preguntas dos alumnos que o entrevistaron na radio que o colexio puxo en marcha nas renovadas instalacións da biblioteca, ao abeiro do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Estivo acompañado pola directora, Beatriz González, e alcalde do municipio, Francisco Balado, entre outros.

Balseiro gabou o esforzo da comunidade educativa do centro “por desenvolver iniciativas como esta, que van máis aló do currículo lectivo”. O Ramón Falcón é un dos oito centros da provincia que participan no programa da Xunta Radio na Biblio. Ofrecen tamén esta actividade o CEIP de Foz nº 1, o CEIP da Pobra de Brollón, o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober), os CEIP de Celeiro e Covas (Viveiro) e, por primeira vez este curso, os colexios Luís Díaz Moreno de Baralla e A Ponte de Lugo.

O delegado explicou que este programa fomenta “outro tipo de aprendizaxe; as radios funcionan como centros creativos, nos que se traballa a expresión oral e escrita, e ademais permite desenvolver proxectos conectados con diferentes materias escolares”.

A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas. De feito, a experiencia dos participantes demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance co que, ademais, poden darse a coñecer o resto de proxectos e traballos que se realizan no centro.

A Consellería está ampliando o número de radios escolares en sucesivas convocatorias destinadas aos centros públicos de infantil, primaria, ESO, bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

Ademais, con motivo do Día Mundial da Radio, convocará mañá o II Concurso de podcast-Radio na Biblio, no que colabora a Radio Galega. Os traballos deberán versar sobre o filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Imaxes relacionadas