O titular da Xunta resaltou hoxe o labor de institucións como Cruz Vermella e a súa disposición a colaborar sempre coas administracións para garantir que as persoas maiores gocen da máxima autonomía, con servizos coma este

Feijóo expón a teleasistencia avanzada como exemplo da última tecnoloxía posta ao servizo do envellecemento activo

Destaca que este dispositivo conta, na súa modalidade avanzada, cun servizo de axendas de saúde, para xestión de citas médicas ou recordatorios de campañas de vacinación, entre outros avances

Para aquelas persoas cunha situación de potencial vulnerabilidade por vivir sós e carecer dun entorno de apoio, a Teleasistencia avanzada posúe tamén un servizo de prevención da soidade, con chamadas de acompañamento e seguimento específico

Incide na utilidade desta nova realidade para que os usuarios poidan desenvolver unha vida autónoma, na súa casa e no seu entorno, chea de independencia e seguridade
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor de institucións como Cruz Vermella e a súa disposición a colaborar sempre coas administracións públicas para garantir, por exemplo, que as persoas de máis idade gocen da máxima autonomía, con servizos como a Teleasistencia avanzada.

Durante un encontro con persoas usuarias deste programa, na sede da Cruz Vermella en Santiago, Feijóo coñeceu as vantaxes deste dispositivo móbil en formato pulseira ou teléfono para que calquera usuario –sexa maior ou non- poida levalo sempre consigo. Un dispositivo que, na súa modalidade avanzada, conta cun servizo de axendas de saúde, para xestión de citas médicas, recordatorios de campañas de vacinación ou consellos para vagas de frío ou de calor; e cun servizo de apoio a coidadores e de atención persoal de consultas para os familiares, a través dunha liña telefónica gratuíta e un correo exclusivo.

Así mesmo, e para aquelas persoas cunha situación de potencial vulnerabilidade por vivir sós e carecer dun contorno de apoio, conta cun servizo de prevención da soidade, que inclúe chamadas de acompañamento e un seguimento específico.

Ao longo da visita, o titular da Xunta valorou a desenvolvemento desta nova realidade que pon a última tecnoloxía ao servizo do envellecemento activo. E resaltou que con capacidade para que cada ano se incorporen ao sistema unhas 3000 persoas usuarias, ofrece as máximas facilidades para que os maiores poidan participar na sociedade en pé de igualdade e con todo o apoio no seu lugar de sempre.

“Estamos a falar dunha gran oportunidade para que os nosos maiores sexan cada vez máis libres e poidan levar unha vida chea de independencia e seguridade”, dixo, incidindo na utilidade da Teleasistencia avanzada para que os usuarios poidan desenvolver unha vida autónoma, na súa casa e no súa contorna. Non en van, o botón de teleasistencia, na súa modalidade básica, xa permite que en caso de emerxencia as persoas maiores poidan ser atendidas con axilidade, as 24 horas do día e os 365 días do ano, vivan onde vivan.

Feijóo concluíu facendo fincapé na importancia do traballo conxunto entre as entidades sociais e as administracións para desenvolver as políticas de envellecemento activo que garantan a autonomía.
 

Imaxes relacionadas