Un total de 100 mulleres desempregadas de Ourense reciben formación en actividades auxiliares de comercio e cociña a través do programa integrado de emprego organizado por Cimo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, informou de que os concellos e entidades interesadas poden presentar as súas solicitudes á nova convocatoria 2020-2021 ata o 2 de marzo

Ourense, 12 de febreiro de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse hoxe coas usuarias do Programa Integrado de Emprego organizado pola entidade sen ánimo de lucro Cimo, que se está celebrando en Ourense, para coñecer a súa experiencia.

No programa participan un total de 100 mulleres desempregadas que están recibindo formación para o emprego nas áreas de actividades auxiliares de comercio e operacións básicas de cociña. Esta formación compleméntase con coñecementos básicos de carácter transversal (como novas tecnoloxías, primeiros auxilios ou hixiene alimentaria, entre outros), ademais de orientación laboral e formación para o autoemprego.

Casal informou de que a nova convocatoria dos programas integrados de emprego 2020-2021 está aberta ata o 2 de marzo, polo que os concellos e entidades interesadas poden presentar as súas solicitudes para deseñar iniciativas que melloren a ocupabilidade e inserción laboral das persoas desempregadas. Entre os criterios de selección dos proxectos presentados, destacan as características dos colectivos que hai que atender; a participación no proxecto do tecido empresarial existente no territorio; os recursos humanos e materiais; os obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral; a experiencia acreditada; ou ser Concello Emprendedor. A contía máxima da axuda por cada persoa desempregada participante será de 2500 euros. Nesta nova edición volve haber unha modalidade de programas destinados en exclusiva para as mulleres.

Ademais, insistiu na necesidade de que as diferentes administracións e entidades colaboren e aposten pola formación co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda a Comunidade.

Imaxes relacionadas