A Xunta destaca o papel da biotecnoloxía na competitividade e modernización do tecido industrial galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro coa investigadora da Universidade de Santiago de Compostela María José Alonso, referente mundial no eido da nanotecnoloxía farmacéutica

Considerada a muller investigadora máis influínte de España, promove o proxecto Smart Vitamins, que vén de ser seleccionado na segunda convocatoria da Business Factory Food (BFFood)
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro coa investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María José Alonso, referente mundial no eido da nanotecnoloxía farmacéutica. Na reunión púxose de relevo o papel da biotecnoloxía para mellorar a calidade de vida da cidadanía e como un dos piares da economía galega, contribuíndo á diferenciación do tecido industrial, ao reforzo das dinámicas de produción, ao estímulo da competitividade e modernización doutros sectores estratéxicos, así como á súa proxección internacional.

Considerada a muller investigadora máis influínte de España, María José Alonso é catedrática do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e responsable do grupo de Nanomedicina e Liberación de Fármacos (Nanobiofar) no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC.

Ademais de liderar o proxecto Oncometa, centrado no tratamento do cancro metastático e apoiado a través do programa Ignicia, Alonso é unha das promotoras do proxecto Smart Vitamins, que vén de ser seleccionado para participar na segunda convocatoria de incubación da Business Factory Food (BFFood), a aceleradora da industria agroalimentaria impulsada xunto co sector. O proxecto busca validar o efecto biolóxico pola vía da administración oral dunha emulsión de nanocápsulas de compostos bioactivos facilmente integrables en diferentes alimentos, para o tratamento de enfermidades neurodexenerativas e autoinmunes.

Tal e como se sinalou na reunión, a aposta de Galicia pola biotecnoloxía materialízase, ademais de na BFFood, noutras iniciativas como a incubadora BioIncubatech; ou o hub de innovación dixital liderado por Bioga e que se centrará en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a saúde ou o eido do mar-industria.

Imaxes relacionadas