A Cidade da Cultura convida a un baile de entroido dedicado aos animais co espectáculo de Magín Blanco e a Banda das Apertas

O Museo Centro Gaiás acollerá este festexo familiar cuxas entradas a 3 euros están xa á venda

O coñecido músico ourensán despregará no Museo Gaiás o seu repertorio de éxitos con temas, como ‘Peixiños do mar’ ou ‘Rock&Roll do dragón’

Antes da actuación de Magín Blanco, a festa estará animada por Marifaltri cunha selección musical infantil e inspirada nesta divertida celebración

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020

A Cidade da Cultura convida as familias a vir festexar o luns de Entroido (24 de febreiro) cun trouleiro baile de disfraces de temática animal, amenizado coa música da picadiscos infantil Marifaltri e co coñecido espectáculo-musical A nena e o grilo, de Magín Blanco e A Banda das Apertas.

Este Entroido Animal terá lugar no Museo Centro Gaiás, un edificio que precisamente a moitos visitantes lles lembra á silueta dunha balea, e que se transformará nun auténtico zoolóxico con cefalópodos, mamíferos ou anfibios, xa que a temática de disfraces de abano animal é ampla para acadar unha divertida tarde de festa familiar.

O baile, dirixido a públicos de todas as idades, comezará ás 17,00 horas cunha sesión de música típica destas datas de Carnaval a cargo da DH Marifaltri. A festa continuará ás 18,00 horas co espectáculo-teatral con música ao vivo de Magín Blanco e A Banda das Apertas, onde grandes e pequenos poderán bailar e cantar os coñecidos temas do músico ourensán, como Peixiños do mar ou Rock&Roll do dragón.

Con esta actividade, a Cidade da Cultura ofrece unha alternativa ao Entroido tradicional, protagonista nestas datas en moitas vilas e cidades de Galicia.

Magín Blanco e A Banda das Apertas

Magín Blanco ten un amplo e exitoso repertorio de cancións pensadas para a cativada, que transmiten valores e emocións e que teñen como obxecto divertir, mais sempre contribuíndo ao desenvolvemento emocional dos máis pequenos e pequenas.

Todos os seus temas están compostos por el mesmo e tamén os interpreta na voz principal co acompañamento da súa inseparable guitarra. O músico da comarca de Valdeorras transforma as súas composicións en todo un espectáculo teatral, grazas a unha posta en escena moi coidada e aos músicos profesionais que o arroupan, o que garante gozar non só dun repertorio musical divertido, senón tamén de calidade.

As entradas para este Entroido Animal no Gaiás teñen un prezo de 3 euros (+gastos de xestión) e xa están á venda no Museo Centro Gaiás, no web ataquilla.com, venda telefónica (902 504 500) e despachos de billetes de Ataquilla. Ademais, como todas as actividades da Cidade da Cultura, é posible acceder a diferentes descontos e ofertas, que se poden consultar en cidadedacultura.gal.

Imaxes relacionadas