A Xunta achega ás empresas de Valdeorras información sobre as axudas destinadas aos autónomos

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta tarde nunha xornada informativa organizada pola asociación empresarial desta comarca

O Barco de Valdeorras (Ourense), 11 de febreiro de 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta tarde nunha xornada informativa organizada pola Asociación Empresarial de Valdeorras na que se explicaron as ordes de axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten abertas nestes momentos no eido do emprego autónomo.

Así, destacou o bono de Nova Oportunidade, que se acaba de poñer en marcha por primeira vez, e que está dirixido a autónomos que estiveron á fronte de iniciativas que non foron adiante e que queiran volver emprender un novo negocio. Por un lado, concédense 6000 euros como apoio ao emprendemento e, por outro lado, ata 6000 euros para formación e mentoring. Tamén se activou o Bono Renova, destinado a posibilitar a transmisión xeracional dos negocios. Contémplanse axudas tanto para a persoa que cesa a súa actividade, con apoios por 5000 euros, como para o emprendedor que a retoma, con axudas de ata 29.000 euros que inclúen asesoramento, formación, inicio da actividade e creación de emprego.

No ámbito da conciliación por maternidade e paternidade están abertas as axudas de ata 6000 euros para a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o seu período de descanso por nacemento. Ademais, os beneficiarios desta axuda poderán obter apoios de ata 3000 euros para o pagamento do 75% do custos dos servizos de escola infantil.

Tamén se referiu ao programa encamiñado a apoiar a consolidación de pequenas empresas de nova creación e ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica; e activouse unha convocatoria para respaldar o movemento asociativo das persoas traballadoras autónomas, con axudas de ata 55.000 euros por entidade.

Imaxes relacionadas