Román Rodríguez analiza co alcalde de Ourense os detalles da programación do Xacobeo 2021 na cidade

O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo un encontro co rexedor ourensán para abordar as diferentes iniciativas co gallo desta celebración

Destacou o potencial de crecemento da Vía da Prata e subliñou a necesidade de impulsar esta ruta aproveitando a oportunidade do vindeiro Ano Santo

Ourense, 11 de febreiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, analizou esta mañá co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, as actividades nesta cidade con motivo do vindeiro Xacobeo 2021. O encontro enmárcase na rolda de contactos cos rexedores das distintas cidades galegas no marco de Xacobeo Cidades.

Ambos dirixentes abordaron as colaboracións necesarias por parte do Concello e do Goberno autonómico co obxectivo de executar este programa. Ademais, o titular de Cultura e Turismo destacou o potencial de crecemento da Vía da Prata ao seu paso pola cidade e subliñou a necesidade de impulsar esta ruta aproveitando a oportunidade do vindeiro Ano Santo e a chegada da Alta Velocidade á Galicia.

No que respecta á programación de Xacobeo Ourense estrutúrase en torno a dez programas entre os que destaca un espectáculo central ou iniciativas como o festival Ourense Emerxe, dirixido a potenciar a escena local, combinando a participación de novos talentos coa de grupos xa consolidados. Tamén destaca o concerto Importa Ourense, que servirá como plataforma para atraer á cidade talento internacional. Do mesmo xeito, terán tamén un papel destacado os colectivos culturais tradicionais e de base e levarase a cabo unha ampla programación de rúa, onde as artes escénicas e visuais terán un peso destacado, e iniciativas dirixidas especialmente ao público xuvenil.

Román Rodríguez incidiu na necesidade de estender a influencia do vindeiro Xacobeo 2021 a toda Galicia, apostando pola descentralización deste evento ante a súa capacidade de dinamización cultural e económica. Así mesmo, puxo en valor a “pegada” do Camiño de Santiago nesta cidade e subliñou a necesidade de impulsala na antesala do vindeiro Ano Santo.

Imaxes relacionadas