A Xunta insta ao Goberno central a elaborar unha lei estatal de incentivos fiscais para a actividade agrogandeira e forestal

José González solicita a Madrid que aproveite a transposición da normativa europea sobre prezos para modificar a lexislación nacional no sentido de afondar no obxectivo de evitar a venda a perdas

Sinalou que a existencia duns ingresos dignos para o sector está condicionada pola existencia duns prezos xustos e acaídos para cubrir os custos de produción, cunha marxe de beneficio razoable e evitando esa venda a perdas

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2020

A Xunta instará ao Goberno central a que elabore unha lei estatal de incentivos fiscais para a actividade agrogandeira e forestal. O Goberno galego considera necesario acometer -no ámbito nacional, como xa se fixo en Galicia- unha serie de medidas que melloren a tributación dos agricultores, gandeiros e silvicultores, para deste xeito mellorar tamén as súas rendas.

Así o avanzou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na véspera da súa viaxe de mañá a Madrid para participar na reunión convocada polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación coas comunidades autónomas sobre a situación dos prezos dos produtos agroalimentarios.

González lembrou que, no que se refire a Galicia e nos impostos de competencia autonómica, a Xunta xa ten lexislado co programa de Impostos Cero no Rural e con múltiples vantaxes fiscais para o agro, centradas en bonificacións para o fomento da compra de vivenda en zonas pouco poboadas, do alugueiro de inmobles de carácter rústico ou do asociacionismo. Por iso, agora cómpre unha lei nacional, xa que -dixo- os principais impostos nos que se ten que actuar son de competencia do Estado. Trátase de facer unha discriminación positiva na fiscalidade dos agricultores, gandeiros e silvicultores, para mellorar tamén así a rendibilidade das súas explotacións.

O conselleiro engadiu que por parte da Xunta están constituídos os grupos de traballo cos axentes do sector a través dos consellos Agrario e Forestal, con expertos en tributación. De aí, explicou, van saír propostas de mellora e incentivos fiscais tanto á implantación de novas actividades agrícolas, gandeiras e forestais como tamén á mellora da rendibilidade das explotacións existentes, pola vía das melloras na súa fiscalidade.

Prezos xustos

Todas estas medidas conflúen -segundo trasladou González- na defensa dunhas rendas dignas para o sector, como produtor de alimentos sans e, ademais, de xeito respectuoso co medio ambiente. En gran medida, engadiu o conselleiro, esas rendas dignas están condicionadas pola existencia duns prezos xustos e acaídos para cubrir os seus custos de produción, cunha marxe de beneficio razoable.

Matizou que, en relación con esta cuestión, non se pode defender a fixación de prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros, porque isto non está permitido pola normativa de competencia europea e española, ao consideralos unha restrición á libre competencia. Malia iso, a Xunta si apoia a necesidade de que a cadea de valor constrúa o prezo dos produtos do sector primario a partir do custo de produción dos agricultores e gandeiros, evitando as vendas a perdas.

Nesta liña, González indicou que é preciso aproveitar a transposición da normativa europea para modificar a lexislación estatal, en particular as leis de Competencia Desleal, de Defensa da Competencia e de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria. Advertiu que se trata de buscar unha ampliación do catálogo de condutas desleais e prácticas prohibidas para alcanzar o obxectivo de evitar a venda a perdas no sector primario.

O conselleiro solicitou ao Goberno central a constitución de grupos de traballo con participación das comunidades autónomas para o desenvolvemento do proceso desa transposición das normas comunitarias e da necesaria revisión lexislativa no ámbito estatal. Nesta liña, anunciou que mañá mesmo vai trasladar ao ministro de Agricultura a necesidade de actuar nese sentido, na xuntanza prevista, xunto co resto de comunidades autónomas. Nesta reunión, dixo González, vaise demandar por parte galega que o Goberno central actúe de acordo coas súas competencias na materia para garantir eses prezos xustos para os agricultores e gandeiros do conxunto de España e, por suposto, dentro deles para os produtores galegos.

Imaxes relacionadas