A Consellería de Política Social e o Concello ourensán asinarán un convenio de colaboración para a creación deste novo servizo

A Xunta investirá 300.000 euros na construción da nova residencia municipal da Veiga

A construción do inmoble correrá a cargo da Administración local

A Veiga (Ourense), 26 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia achegará 300.000 euros para a construción dunha nova residencia de maiores na Veiga. Este investimento materializarse a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello ourensán que está previsto que se asine neste primeiro trimestre do ano.

O Concello da Veiga encargarase da construción deste centro residencial, que será de titularidade municipal e que tamén contará coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense.

Con esta actuación, o Goberno galego reafirma o seu compromiso coas persoas maiores e con poñer á disposición destas máis programas e servizos que melloren o seu benestar e o das súas familias. De feito, a Consellería de Política Social investirá este ano 450 millóns de euros, un 5% máis que en 2019, á atención aos maiores e á dependencia.

O obxectivo da Xunta é atender antes de que remate o ano a 65.000 dependentes, unha vez superada xa desde metade desta lexislatura a meta inicial dos 60.000. Nos últimos dez anos, Galicia multiplicou por tres as prazas públicas en centros de día, ata dispoñer hoxe de máis de 3300; e incrementou en máis dun 42% as prazas públicas en residencias ata superar as 8000 da actualidade.

Ademais, nesta lexislatura puxéronse en marcha servizos innovadores que permiten que os maiores estean atendidos na súa contorna, como as casas do maior ou o programa de Coidados porta a porta.