A Comisión Galega de Control da Violencia actúa de inmediato para esclarecer os feitos acaecidos no partido de primeira autonómica xuvenil entre o Velle B e O Seixalbo

Tras menos de 24 horas dende o acaecemento dos feitos, o mandatario galego advirte que “a Comisión seguirá traballando día a día para que ningún suceso violento quede impune. Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte”

Santiago, 10 de febreiro de 2020-

A Comisión Galega de Control da Violencia vén de abrir un período de información ou actuacións previas co fin de determinar coa maior precisión posible os feitos acaecidos no partido do Grupo 10ºB da Primeira Autonómica Xuvenil que enfrontou no día de onte aos equipos do Velle B e o Seixalbo no campo do Monte da Aira de Velle. O árbitro do encontro suspendeu o partido por mor dos insultos que estaba a recibir desde a grada ata que o presunto autor dos mesmos, o pai dun xogador do equipo local, abandonou o campo.

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Controla da Violencia, José Ramón Lete Lasa, insistiu na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte” e uniu este deber cos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia. Neste sentido e tras menos de 24 horas dende o acaecemento dos feitos, o mandatario galego advirte que “a Comisión seguirá traballando día a día para que ningún suceso violento quede impune. Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte”.

Deste xeito e con carácter previo a pronunciarse sobre a conveniencia de iniciar o procedemento sancionador, tema que se abordará na vindeira xuntanza, a Comisión Galega de Control da Violencia comunica a súa decisión aos equipos do Velle B e Seixalbo, así como á Real Federación Galega de Fútbol para que remitan toda a documentación e a información da que dispoñan en relación aos feitos, especialmente a identificación da persoa que, presuntamente, proferiu insultos ao arbitro.