A Xunta desenvolverá a partir de maio unha ampla programación cultural en Ferrol dentro do programa 'Xacobeo Cidades'

O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo un encontro co alcalde de Ferrol para informar dos plans do Goberno galego para a cidade no marco do Xacobeo 2021

Este proxecto enmárcase na folla de ruta do Plan Estratéxico do vindeiro Ano Santo, que busca fomentar a participación e a descentralización deste evento

Román Rodríguez destacou o potencial do Camiño Inglés e estudou co rexedor a necesidade de dotar á cidade dun albergue público para reforzar este itinerario

Ferrol, 10 de febreiro de 2020

A Xunta desenvolverá entre os meses de maio e setembro unha ampla programación cultural na cidade de Ferrol dentro do programa Xacobeo Cidades, unha iniciativa que estenderá as actividades do vindeiro Ano Santo ás principais cidades de Galicia. Así llo trasladou hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato, durante un encontro no que lle expuxo os plans do Goberno galego para a cidade no marco do Xacobeo 2021.

O responsable de Cultura e Turismo subliñou que Xacobeo Cidades se enmarca na folla de ruta establecida no Plan Estratéxico do vindeiro Ano Santo, que ten entre os seus obxectivos fomentar a participación, a descentralización e a sustentabilidade deste evento. Neste sentido, explicou que este programa permitirá poñer en marcha unha batería de iniciativas para impulsar actividades culturais, artísticas e creativas na cidade de Ferrol vinculadas aos valores do Camiño e ao fenómeno xacobeo e dirixidas a todos os públicos.

Ambos dirixentes abordaron as colaboracións necesarias por parte do Concello e do Goberno autonómico co obxectivo e executar este programa. Ademais, o conselleiro de Cultura e Turismo destacou o potencial de desenvolvemento do Camiño Inglés ao seu paso pola cidade, posto que este itinerario foi percorrido por preto de 16.000 durante o ano pasado, un 11% máis. Deste xeito, subliñou a necesidade de dotar á cidade dun albergue público que permita reforzar o papel de Ferrol como “porta de entrada” deste itinerario.

A programación de Xacobeo Ferrol estrutúrase en torno a dez programas entre os que destaca un espectáculo central ou o deseño dunha programación expositiva que terá lugar nun emprazamento destacado da cidade. En paralelo, impulsaranse iniciativas como o festival Ferrol Emerxe, dirixido a potenciar a escena local, combinando a participación de novos talentos coa de grupos xa consolidados, ou o concerto Importa Ferrol, que servirá como plataforma para atraer á cidade talento internacional. Terán tamén un papel destacado os colectivos culturais tradicionais e de base. Do mesmo xeito, levarase a cabo unha ampla programación de rúa, onde as artes escénicas e visuais terán un peso destacado, e iniciativas dirixidas especialmente ao público xuvenil.

Letras Galegas e Patrimonio Mundial

Ademais, Xacobeo Ferrol será tamén unha plataforma para reforzar a conmemoración de Ricardo Carvalho Calero como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020 e a promoción da candidatura de Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial. Precisamente, o conselleiro de Cultura e Turismo e o rexedor ferrolán abordaron a necesidade de traballar de xeito conxunto para impulsar estes dous proxectos “fundamentais” para a cidade a través de iniciativas como a posta en valor da casa do escritor, situada no barrio de Ferrol Vello, para o que valoraron estudar vías de colaboración.

Máis de 7 millóns de participantes

A celebración do vindeiro Xacobeo 2021 será o acontecemento cultural e turístico máis importante de Europa no ano 2021 e unha importante oportunidade para todos os sectores sociais da Comunidade galega. Co obxectivo de asumir o importante reto que supón, a Xunta de Galicia presentou en decembro o avance da programación do Xacobeo, un calendario de actividades que chegará a toda a xeografía galega e que se estenderá por máis de 700 días. En total son máis de 7.000 iniciativas nas que está previsto que participen máis de sete millóns de persoas.

Imaxes relacionadas