Román Rodríguez cualifica o Festival de la Luz como "moito máis que un acontecemento musical"

Fíxoo no acto de entrega dos fondos recadados na oitava edición á Asociación Anxiños e a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), onde se anunciou a nova edición

A Coruña, 10 de febreiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe xunto á cantante Luz Casal, o promotor de Zircozine, Farruco Castromán, e o resto de patrocinadores e colaboradores co Festival de la Luz, na entrega dos fondos recadados na oitava edición a causas solidarias como a Asociación Anxiños ou a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Un acto no que, así mesmo, se presentou a novena edición desta cita, que se desenvolverá en Boimorto (A Coruña), do 11 ao 13 de setembro.

Román Rodríguez cualificou o Festival da Luz como “moito máis que un acontecemento musical”, subliñando a capacidade deste tipo de iniciativas culturais no fomento da solidariedade, especialmente entre o público mozo. O titular de Cultura explicou ademais que este evento musical é tamén “un autentico acto de reivindicación do noso rural, que converte a Boimorto durante tres días na capital galega da música, aproveitando a excepcional paisaxe da Galicia interior”.

Román Rodríguez lembrou que se trata dun festival que conta co apoio da Xunta a través tanto das axudas a festivais como a través de Fest Galicia. “Unha iniciativa ?explicou o conselleiro? que premia a calidade, a sustentabilidade e os valores dos festivais galegos. Financiando propostas que aposten pola sensibilización sobre o coidado do medio ambiente, a igualdade e a promoción do galego”.

Os organizadores do evento reuniron aos seus principais patrocinadores e colaboradores públicos e privados para a ocasión e explicaron que, continuando co espírito do festival, se apostará por unha variada programación de actividades para todos os públicos como a zona infantil, o espazo gastronómico, o mercado de artesanía, unha carreira popular e máis novidades que se irán desvelando a medida que se aproxime a cita.

Ademais, como parte do compromiso do evento por preservar o patrimonio natural que contextualiza o evento musical, este ano emprenderanse novas medidas máis sustentables que permitan minimizar o impacto medioambiental na zona.

Imaxes relacionadas