Preto de 50 empresas amosan interese en participar no proxecto para dotar o Polo Aeroespacial de Galicia dun simulador de xestión de tráfico aéreo

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presidiu a xornada técnica de presentación das instalacións do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) ante as compañías interesadas na consulta preliminar ao mercado

A Xunta licitará o proxecto en colaboración co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) e suporá un investimento de cinco millóns de euros

Esta iniciativa sitúa Galicia na vangarda das tecnoloxías vinculadas aos vehículos aéreos non tripulados

Castro de Rei (Lugo), 10 de febreiro de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presidiu hoxe a xornada técnica de presentación das instalacións e equipamentos do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) ás preto de 50 empresas que amosaron interese na consulta preliminar ao mercado promovida pola Xunta de Galicia e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) que ten por obxecto dotar dun simulador de xestión de tráfico aéreo U-Space ao Polo Aeroespacial de Galicia.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) destacou que se trata dun dos “retos de futuro más importantes, nun dos ámbitos de traballo que vai xerar máis oportunidades e contribuír a aproveitar todo o potencial de desenvolvemento económico que teñen os vehículos non tripulados”.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, anunciou o 24 de xaneiro na sede do CDTI o investimento de 5 millóns de euros neste proxecto, que dá continuidade ao Galician Skyway que desenvolve Boeing no Polo Aeroespacial de Galicia e que permitirá á Comunidade manterse na vangarda das solucións vinculadas aos vehículos aéreos non tripulados. As empresas poderán presentar as súas propostas para a Consulta Preliminar ao Mercado ata o 24 de febreiro.

Durante a xornada técnica de hoxe, expertos do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), do CDTI e da Axencia Galega de Innovación deron a coñecer ás empresas as características deste reto tecnolóxico e explicaron o procedemento mediante o que se licitará a infraestrutura: a Compra Pública de Innovación, na que a comunidade galega é un referente a nivel estatal.

U-Space

O concepto U-Space refírese ao sistema de xestión de tráfico aéreo non tripulado impulsado pola Unión Europea para dar resposta aos novos paradigmas de transporte que xurdirán nas cidades nos próximos anos.

A mobilidade urbana eficiente e sostible ou a regulación dos miles de vehículos non tripulados civís a baixa altura que farán uso do espazo aéreo son algúns dos desafíos que este sistema terá que afrontar. O U-Space prevé o deseño dunha mobilidade aérea intelixente, baseándose en tecnoloxías de automatización, dixitalización e conectividade, e que terá como obxectivo último acadar a convivencia eficiente e segura dos vehículos aéreos non tripulados no mesmo espazo aéreo que as aeronaves convencionais con piloto. A Unión Europea contempla que este sistema integral estará implementado no horizonte do ano 2030.

O simulador de xestión do tráfico aéreo impulsado pola Xunta de Galicia permitirá dar un paso adiante no eido do U-Space, posibilitando ao Polo Aeroespacial de Galicia operar como infraestrutura de soporte ao desenvolvemento da tecnoloxía e do regulamento do sector dos vehículos aéreos non tripulados, a fin de ampliar o mercado de usos civís destes e acelerar a xeración de actividade económica e industrial do sector.

Imaxes relacionadas