A Xunta informa aos concellos da delegación de Pontevedra da nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade que se incrementa nun 20% con respecto ao pasado ano

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou que estas subvencións supuxeron en 2019 case 1,5 millón de euros na provincia

Ao abeiro destas axudas subvenciónanse programas de fomento da conciliación, prevención e tratamento integral da violencia de xénero, e apoio aos centros de información ás mulleres (CIM)
 

Pontevedra, 10 de febreiro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta mañá unha xuntanza coas persoas responsables e persoal técnico dos concellos dependentes da Delegación Territorial de Pontevedra para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 31 de xaneiro. O Goberno galego destinará a este programa un importe de máis de 6,4 millóns de euros, o que supón o incremento dun 20% respecto ao ano 2019.

Ao abeiro da convocatoria pasada, 56 entidades locais da provincia de Pontevedra recibiron case 1,5 millón de euros. O importe total das subvencións aos 48 concellos pertencentes á Delegación Territorial de Pontevedra ascende a 991.450 euros, o que supón o 67,4% do total do investimento na provincia de Pontevedra. López Abella indicou que estas axudas están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos e que o prazo de presentación de solicitudes é dun mes.

Ao igual que o pasado ano, a convocatoria que se vén de publicar no DOG engloba catro programas: o de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; o de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero; o de apoio aos Centros de Información á Muller (CIM); e unha cuarta iniciativa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Este último programa está financiado ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e os tres anteriores cofinanciados polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Accións subvencionables

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá tomar medidas para fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares. Esta liña tamén financiará os bancos de tempo coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello esta conciliación a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes, cuxa medida é a hora de tempo. Conta cun orzamento de 800.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de varios concellos. Na pasada convocatoria, a provincia de Pontevedra recibiu 138.435 euros para financiar accións en 12 entidades locais (10 delas pertencentes á Delegación de Pontevedra, cunha axuda que ascende a 114.435 euros: A Estrada, A Guarda, Arbo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda e Valga).

A segunda liña de axudas está destinada ao programa de promoción da igualdade e prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e de 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos. Ao abeiro desta liña 16 concellos pontevedreses recibiron axudas en 2019 cun orzamento de máis de 111.000 euros, 64.703 correspondentes a 8 concellos da Delegación Territorial de Pontevedra (A Guarda, Cambados, Cuntis, Ponteareas, Pontevedra, Ribadumia, Tomiño e Vilanova de Arousa).

O programa de apoio á rede de Centros de Informacións á Muller (CIM) existentes en Galicia, integrada por 82 centros dos que 26 pertencen á provincia de Pontevedra (16 da demarcación territorial da Delegación de Pontevedra) é a liña de maior dotación, cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros. Cada entidade pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso das solicitudes conxuntas. No caso de Pontevedra, na pasada convocatoria os centros que funcionan na provincia recibiron máis de 986.000 euros (641.519 correspondentes aos CIM dos concellos pertencentes á Delegación de Pontevedra: A Lama, A Estrada, A Guarda, Bueu, Caldas de Reis, Lalín, Marín, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda, Valga, Vilagarcía, O Grove e a Mancomunidade do Salnés).Isto permite manter un total de 60 postos de traballo na provincia de Pontevedra, tanto en dirección, como en dinamización do territorio, axentes de igualdade, asesoramento xurídico. Ao abeiro deste programa financiarase a atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade por profesionais do CIM que ocupan os postos de traballo de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Pacto de Estado

A convocatoria publicada este ano mantén o programa que se incorporou en 2019, financiado no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, para levar a cabo medidas de sensibilización, información e difusión sobre a promoción da igualdade e a prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres. Na convocatoria deste ano destinarase 800.000 euros a esta liña, para a que se establece cunha contía máxima de 8.000 euros cando se trata dunha solicitude individual e de 10.000 euros para a xestión compartida. O pasado ano, a Xunta repartiu máis de 234.040 euros entre 36 entidades locais da provincia, das cales, 26 corresponden á demarcación da Delegación Territorial de Pontevedra, con un total de 163.812 euros de axudas (A Cañiza, A Estrada, A Guarda, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Covelo, Cuntis, Lalín, Marín, Meis, Moraña, Oia, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Valga, Vilanova, O Grove e O Rosal).
 

Imaxes relacionadas