A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe este concello ourensán

A Xunta inviste 300.000 euros na ampliación da residencia municipal de Porqueira, que duplicará a súa capacidade

Esta achega materializarase coa firma dun convenio nas vindeiras semanas

Porqueira (Ourense), 10 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que o Goberno galego investirá 300.000 euros nas obras de ampliación da residencia municipal de Porqueira, que permitirán duplicar a súa capacidade. Fíxoo durante unha visita a este centro na que estivo acompañada da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e onde puxo en valor a importancia da colaboración institucional que permitirá que o Goberno galego e este Concello ourensán asinen un convenio de colaboración para este proxecto nas vindeiras semanas.

Mediante esta actuación permitirase incrementar o número de usuarios deste servizo, que pasará dos 21 actuais ata os 46, un aumento na atención as persoas maiores do que se poderán beneficiar os veciños de Porqueira e dos concellos limítrofes. Ademais, a conselleira destacou que o Goberno galego está impulsado unha serie de programas e iniciativas para permitirlle ás galegas e galegos de máis idade decidir onde queren pasar esta etapa das súas vidas.

Deste xeito, Fabiola García fixo fincapé no incremento en máis dun 42% nas prazas públicas en residencias, ata superar as 8000 da actualidade; así como no aumento das prazas en centro de día que se sitúan a día de hoxe en máis de 3300. Unha oferta que se suma á aposta do Executivo galego polo rural, a través da nova convocatoria de casas do maior que permitirá aos concellos máis pequenos, sen centro de día ou servizos similares contar cun pequeno centro de atención a persoas maiores.

Así mesmo, lembrou que o Executivo autonómico xa ten acadado o obxectivo dos 61.000 dependentes atendidos marcado para esta lexislatura. Por esta razón, a conselleira recalcou que a nova meta estará en chegar aos 65.000 dependentes atendidos gracias a programas e servizos pioneiros como son o Xantar na casa ou os Coidados porta a porta.

Imaxes relacionadas