A Xunta subliña en Lugo a importancia da cooperación dos concellos e entidades para avanzar na mellora da empregabilidade dos galegos e galegas

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou esta mañá o obradoiro ‘Atrium TIC’ no que participan 16 alumnos co obxectivo de desenvolver un programa de capacitación para a implementación das TIC nos procesos de xestión do Concello de Lugo

Lembra que está aberto o prazo de solicitude tanto dos obradoiros duais de emprego -que beneficiarán a 1400 persoas- como do novo programa para menores de 30 anos -que pretende chegar a 300 mozos e mozas desempregados
 

Lugo, 10 de febreiro de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou esta mañá en Lugo a importancia da cooperación entre a Xunta, os concellos e as entidades para seguir avanzando na mellora da empregabilidade dos galegos e galegas.

Así o asegurou durante a visita a Atrium TIC, unha iniciativa que conta cun total de 16 participantes que están recibindo formación e experiencia práctica en dúas especialidades: xestión documental e arquivo e dixitalización de documentos co obxectivo de desenvolver un programa de capacitación para a implementación das TIC nos procesos de xestión do Concello de Lugo.

Na súa intervención, o director xeral destacou a aposta da Xunta polo novo modelo de formación para o emprego, dual e flexible e lembrou que está aberto o prazo de inscrición no programa de obradoiros duais. A iniciativa conta cunha dotación de 23,2M€, o que supón un incremento do 10% con respecto ao ano pasado. A medida, un programa mixto de emprego e formación mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral, ten como obxectivo apoiar 66 proxectos e beneficiar a máis de 1400 persoas desempregadas.

A esta orde de axudas súmase o novo programa destinado a menores de 30 anos no que se investirán 7M€ para que as entidades locais poidan desenvolver iniciativas de formación e aprendizaxe acompañadas dun contrato de traballo en empresas do sector, cunha duración total de 18 meses. Agárdase apoiar 20 proxectos e chegar a 300 mozos e mozas desempregados a través destes apoios para os que tamén está aberto o prazo de solicitude.

Estas accións enmárcanse no Plan galego de formación para o emprego que ten como obxectivo contar cunha Galicia máis preparada grazas a un programa que ofrecerá máis de 3000 cursos ata 2021 para chegar a 35.500 galegos e galegas.