A Xunta e o Concello de Baños de Molgas colaboran na renovación da iluminación do campo de fútbol municipal

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo no marco da Orde de Infraestruturas de uso público

O investimento do Goberno galego neste proxecto foi de preto de 34.000 euros e súmase aos case 300.000 que leva destinados ao municipio nos últimos anos

Baños de Molgas (Ourense), 10 de febreiro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no campo de fútbol municipal da Chaira para renovar e mellorar a súa iluminación. O Goberno galego investiu neste proxecto preto de 34.000 euros ao abeiro das axudas da Orde de Infraestruturas de uso público.

A Xunta e o concello de Baños de Molgas colaboraron na dotación ao campo de fútbol municipal dun sistema de alumeado que conte coas condicións técnicas e de seguridade adecuadas para favorecer a práctica deportiva neste recinto debido ao aumento da actividade no campo.

O investimento da Administración autonómica no municipio nos últimos anos ascende a case 300.000 euros no marco de convenios e distintas liñas de axudas da Vicepresidencia como o Fondo de Compensación Ambiental ou a Orde de Infraestruturas de uso público. A través destas axudas a Xunta colaborou co concello de Baños de Molgas en melloras de espazos públicos, así como en iniciativas de optimización enerxética do alumeado público e de saneamento.

A directora xeral de Administración Local incidiu en que a colaboración entre a Administración autonómica e a local permite levar a cabo actuacións que repercuten en melloras para o día a día dos cidadáns.

Algunhas das melloras en Baños de Molgas realizáronse de forma conxunta con outros concellos da Mancomunidade da comarca de Ourense. Nesta liña, Marta Fernández-Tapias, destacou tamén a importancia de que as entidades locais colaboren en proxectos comúns para optimizar recursos e ser máis eficientes compartindo servizos.

A través da liña de subvencións para infraestruturas de uso público, o Goberno galego vén apoiando desde 2009 aos municipios galegos na mellora das dotacións existentes de infraestruturas básicas e na creación reforma dos servizos municipais. A convocatoria para este ano, que prima os proxectos de cubrición de parques infantís, conta cun orzamento de catro millóns de euros, o que supón un incremento dun millón de euros máis respecto ao ano anterior.

Imaxes relacionadas