A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, presentou esta actuación enmarcada na aposta para mellorar a accesibilidade e a funcionalidade nas entradas dos hospitais públicos de Galicia

Ethel Vázquez salienta a licitación hoxe das obras de mellora dos accesos aos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, cun investimento de 700.000 euros, que comezarán no vindeiro mes de xuño

Vázquez Mourelle explica que as empresas interesadas teñen de prazo ata o 9 de marzo para presentar as súas ofertas

Sinala que o obxectivo é favorecer a mobilidade tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día a estes dous hospitais vigueses

Indica que se actuará nos viarios interiores coa renovación do firme, a mellora das beirarrúas e a reordenación de espazos nas entradas aos centros, e habilitaranse 23 pasos de peóns

Precisa que no Meixoeiro se habilitará un viario para facilitar as comunicacións dentro do recinto e no Nicolás Peña se mellorará o aparcadoiro

Engade que na primavera tamén se acondicionarán os accesos e se optimizará a sinalización do antigo hospital do Rebullón

Fai fincapé na gran aposta da Xunta pola sanidade pública, que se traduce en novos centros de saúde e continuas melloras asistenciais, dos centros hospitalarios ou nos equipamentos sanitarios

Vigo, 10 de febreiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, salientou a licitación hoxe das obras de mellora dos accesos aos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, que comezarán no vindeiro mes de xuño, cun investimento de 700.000 euros.

Vázquez Mourelle explicou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o 9 de marzo para presentar as súas ofertas. Precisou que a continuación se avanzará nos trámites para comezar as actuacións no verán e poder telas rematadas a finais deste ano.

Sinalou que o obxectivo fundamental é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes dous hospitais vigueses.

Destacou que se actuará nos viarios interiores coa renovación do firme, a mellora das beirarrúas, a reordenación de espazos nas entradas a estes dous centros hospitalarios, e habilitaranse 23 pasos de peóns.

Precisou que no Meixoeiro se habilitará un novo viario para facilitar as comunicacións dentro do propio recinto. Será un treito que facilitará a subministración ao propio hospital, evitando que os vehículos que traen o material necesario teñan que saír marcha atrás ou por dirección prohibida.

Concretou que tamén se mellorará o aparcadoiro do Nicolás Peña e se actuará nos itinerarios peonís para incidir sobre a accesibilidade e facilitar os desprazamentos a pé dos usuarios.

Ademais mellorarase a sinalización para reordenar a circulación e regular o estacionamento, ademais da reposición de diversos elementos como vallas peonís ou bolardos.

Engadiu que na primavera tamén se levarán a cabo obras complementarias de acondicionamento dos accesos e da optimización da sinalización do antigo hospital do Rebullón, cun orzamento de 50.000 euros.

Puntualizou que estes traballos foron planificados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuación. Indicou que as obras se executarán de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios do Meixoeiro e do Nicolás Peña para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

Aposta pola sanidade pública

Ethel Vázquez enmarcou estes traballos nos proxectos de mellora da accesibilidade que está a impulsar o Goberno galego nos principais centros hospitalarios públicos de Galicia

Fixo fincapé en que estes proxectos se enmarcan na gran aposta da Xunta pola sanidade pública, que se traduce en continuas melloras asistenciais, novos centros de saúde, melloras dos centros hospitalarios ou nos equipamentos sanitarios.

Lembrou que no hospital do Meixoeiro, a Consellería de Sanidade está a impulsar un proxecto de mellora da eficiencia enerxética, cunha achega de arredor de 7 M€.

Imaxes relacionadas