A conselleira de Política Social visitou esta mañá a escola infantil A Farixa

Fabiola García resalta que máis de 600 familias de Ourense poderán beneficiarse da gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos

Investiranse máis de 14 millóns de euros este ano para implantar esta medida pioneira e sen precedentes en España da que se beneficiarán as familias duns 12.500 nenas e nenos de Galicia

Serán gratuítas tanto as escolas infantís públicas da Xunta como as privadas e as de iniciativa social

Ourense, 10 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, explicou hoxe en Ourense que a partir do vindeiro 1 de abril as escolas infantís de Galicia serán gratuítas para os segundos fillos e sucesivos. Díxoo durante a visita á escola infantil A Farixa de titularidade pública autonómica, que ten matriculados 87 nenos e nenas. Neste concello serán máis de 600 familias as que se beneficiarán desta histórica medida.

Fabiola García destacou que, con esta decisión, Galicia inicia esta nova década sendo líder nos eidos do apoio ás familias e da conciliación e precisou que a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas escolas públicas da Xunta como nas privadas e de iniciativa social.

Cómpre recordar que esta medida pioneira e sen precedentes en toda España beneficiará ás familias duns 12.500 nenos e nenas en toda Galicia, e suporá un investimento neste 2020 de máis de 14 millóns de euros.

Máis apoios ás familias que nunca

A conselleira manifestou que o obxectivo do Goberno galego neste 2020 é que a comunidade siga a estar á vangarda nos ámbitos da familia, a infancia e a conciliación. Neste sentido, resaltou que a Xunta esfórzase por ofrecer todas as facilidades ás familias que viven no rural e destacou que se está a crear unha rede de recursos gratuíta coas casas niño, que este ano se estenderán ao 100% dos concellos que aínda non teñen un servizo de conciliación.

Ademais, salientou que se reforzan as axudas directas ás familias para as crianzas das súas fillas e fillos. Neste sentido, este ano mellorouse a Tarxeta Benvida con catro novidades importantes. A primeira é que as familias que viven no rural recibirán un 25% máis de axuda, pasando dos 1200 euros anuais ata os 1500; increméntanse as prestacións para as familias numerosas ata os 2400 euros anuais e ata os 3000 euros para aquelas que residen en concellos de menos de 5000 habitantes; contempla máis facilidades para os galegos retornados ao prolongar o prazo de presentación de solicitude en tres meses; e dáselles máis vantaxes ás familias con menos recursos estendendo a Tarxeta Benvida ata os catro anos para os fillos das familias que peor o están a pasar.

Imaxes relacionadas