O conselleiro do Medio Rural presidiu o acto central do día dedicado ao medio rural na XXI edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico

José González destaca que a Feira Xantar dinamiza a economía galega ao coordinar dous sectores fundamentais como son o agroalimentario e o hostaleiro

José González reafirmou o apoio do Goberno galego a este tipo de eventos porque constitúen unha oportunidade magnífica para dar a coñecer o mellor da nosa terra

Lembrou que a nosa comunidade conta con 36 selos de calidade e máis de 300 festas gastronómicas

Ourense, 9 de febreiro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presidiu hoxe o acto central do día dedicado ao medio rural na XXI edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2020.

Alí, o conselleiro destacou que a feira Xantar axuda á dinamización da económica galega e traballa na coordinación e impulso de dous sectores tan importantes para Galicia, como son o agroalimentario e o hostaleiro e turístico.

Neste senso, José González sinalou que a gastronomía galega é a segunda motivación que fai que os turistas elixan a nosa comunidade como destino, polo que “hai que presumir de Galicia porque temos o mellor”, matizou. Así, o titular de Medio Rural puxo en valor os 36 selos de calidade agroalimentaria, recoñecidos no mercado pola calidade e prestixio dos produtos amparados. Nesta liña, asegurou que “temos as mellores materias primas”, porque ademais de boa terra temos o traballo duro e o agarimo que poñen os agricultores, pescadores e gandeiros galegos.

Por iso, o conselleiro reafirmou o apoio da Xunta a este tipo de eventos, xa que constitúen unha oportunidade magnífica para dar a coñecer o mellor de Galicia e lembrou que temos máis de 300 festas gastronómicas que se celebran cada ano en Galicia.

Nesta mesma liña, salientou a importancia de que esta calidade estea amparada polas denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, porque supoñen unha garantía de que o que se consume, tanto a materia prima como a súa trazabilidade, é integramente galego.

Imaxes relacionadas