Comeza unha nova edición de Parlamento Xove coas sesións formativas para os 56 equipos participantes

O tema de debate deste ano é ‘¿Deberían incrementarse as sancións para as persoas e empresas que non respecten o medio ambiente?’

As xornadas clasificatorias nas categorías de Secundaria e Bacharelato serán en marzo e terán lugar no Centro Residencial Docente A Coruña en Culleredo

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia comeza a vindeira semana a undécima edición da competición de debate Parlamento Xove coa fase de formación dos equipos inscritos nas tres categorías que ten este programa impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado: Secundaria, Bacharelato e Universidades. Esta formación, que é previa ao desenvolvemento da fase clasificatoria, ten carácter voluntario para os 56 equipos participantes e desenvolverase ao longo deste mes de febreiro en seis localidades.

Tamén se coñecen xa as datas, lugar e tema dos debates da fase clasificatoria para as categorías de Secundaria e Bacharelato: os días 6 e 7 de marzo, no caso da primeira, e os días 13 e 14 do mesmo mes, para a segunda. O sitio escollido é o Centro Residencial Docente A Coruña en Culleredo e o asunto sobre o que os equipos confrontarán as súas opinións é ‘¿Deberían incrementarse as sancións para as persoas e empresas que non respecten o medio ambiente?’

Os equipos que se darán cita nesta quenda de clasificación son 24 na categoría de Secundaria procedentes de 19 centros educativos, outros 24 na de Bacharelato procedentes de 18 centros e 8 na categoría de Universidades. Cada un deles estará formado por unha persoa docente, que exercerá de coordinador do grupo, e por catro estudantes.

En concreto, na categoría de Secundaria daranse cita seis equipos de centros da provincia da Coruña: Colexio La Salle (Santiago), IES Pedra da Aguia (Camariñas), CPR Maristas Cristo Rei (A Coruña), dous equipos do CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña) e o CPI de Cruz do Sar (Bergondo). Outros dez da provincia de Pontevedra: dous equipos do Colexio Internacional SEK-Atlántico (Poio), outros dous do Colexio Eduardo Pondal (Cangas), CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada), IES A Xunqueira II (Pontevedra), IES Val do Tea (Ponteareas), CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa), IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía de Arousa) e CPR Santiago Apóstol (Soutomaior). Sete equipos saídos de centros da provincia lucense: IES Becerreá (Becerreá), dous equipos do Colexio Padres Escolapios (Monforte de Lemos), IES A Pinguela (Monforte de Lemos), dous equipos do CPR Maristas A Inmaculada (Lugo) e Colexio Plurilingüe San José-FEC (Lugo). Por último, da provincia de Ourense participa un equipo do CPR Plurilingüe Santa María (Ourense).

Pola súa banda, na modalidade de Bacharelato competirán cinco equipos de centros asentados na provincia coruñesa: dous equipos do Colexio La Salle (Santiago), CPR Maristas Cristo Rei (A Coruña), IES Salvador de Madariaga (A Coruña) e CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña). Outros 15 equipos de centros da provincia de Pontevedra: dous equipos do Colexio Internacional SEK-Atlántico (Poio), outros dous do IES de Soutomaior (Soutomaior), CPR Santiago Apóstol (Soutomaior), dous equipos do IES A Xunqueira II (Pontevedra), IES Marco de Camballón (Vila de Cruces), Colexio Mª Inmaculada Carmelitas (Vigo), IES Laxeiro (Lalín), IES Val do Tea (Ponteareas), dous equipos do IES de Rodeira (Cangas), IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía de Arousa) e o IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa). Por último, tamén están inscritos catro equipos de institutos da provincia de Lugo: dous equipos do IES de Becerreá (Becerreá), IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e IES de Quiroga (Quiroga).

Nestas dúas categorías de Secundaria e Bacharelato a competición de Parlamento Xove realízase en dúas fases. Unha primeira clasificatoria da que xurdirán oito equipos gañadores e que se enfrontarán nunha segunda fase final, aínda por determinar data e lugar de celebración. De maneira paralela, desenvolverase un concurso voluntario de artigos de investigación sobre o tema formulado. En canto aos premios, os equipos gañadores destas dúas categorías obterán unha viaxe valorada en 5.000 euros. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os mellores oradores e os mellores artigos de investigación en cada unha das dúas categorías.

Universidades

Na categoría universitaria cada una dos oito equipos participantes estará formado por un mínimo de dous estudantes e un máximo de catro. A día de hoxe hai seis equipos do campus de Santiago e un do campus de Vigo. A competición dividirase tamén en dúas fases: unha primeira fase clasificatoria e outra final de eliminatoria directa. Neste caso, as dúas fases coincidirán co desenvolvemento da fase final das categorías de Secundaria e Bacharelato.

Os premios para o equipo gañador desta categoría será unha viaxe valorada en 2.500 euros. Ademais, dunha mención especial e un agasallo para os mellores oradores e os mellores artigos de investigación.

Imaxes relacionadas