Os emprendedores participantes na aceleradora ViaGalicia preparan en Pantón a presentación dos seus proxectos

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asiste ás xornadas que se celebran na localidade lucense, ás que asisten os 27 equipos que aspiran a pasar á seguinte fase desta iniciativa

A aceleradora enmárcase na plataforma StartIN Galicia, que nos últimos cinco anos achegou apoio integral a máis de 1.000 proxectos de emprendemento

Pantón (Lugo), 8 de febreiro de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar, asistiu este sábado pola mañá ás presentacións dos proxectos aspirantes a pasar á seguinte fase da sexta edición da aceleradora ViaGalicia. En total, 27 equipos de emprendedores (18 procedentes da sede de Vigo e 9 da sede da aceleradora en Lugo) participaron durante todo o día de onte e a mañá de hoxe no Hotel Oca Augas Santas no ensaio xeral para a preparación da presentación final dos seus proxectos ante o comité técnico a vindeira semana.

Despois de dous meses de formación na fase de Academia, agora unha trintena de equipos optan a pasar á seguinte etapa, a de aceleración. Durante esta fin de semana, os emprendedores e emprendedoras teñen a oportunidade de convivir, coñecer as propostas coas que compiten, compartir experiencias co obxectivo de favorecer a xeración de sinerxías e posibles colaboracións entre os equipos e dotalos do coñecemento e das técnicas de comunicación precisas para optimizar as súas presentacións nos demodays de Vigo (12 e 13 de febreiro) e Lugo (18 de febreiro).

Nesta edición, entre os proxectos innovadores que compiten atópanse iniciativas no eido das novas tecnoloxías, da moda e o téxtil, do deseño e a artesanía, da saúde, da enerxía renovable, da agroalimentación, do turismo e tamén do sector aeroespacial.

A aceleradora ViaGalicia, impulsada pola Xunta de Galicia e o Consorcio Zona Franca de Vigo, inscríbese na plataforma StartIN Galicia, que ten permitido nos últimos cinco anos achegar un apoio integral a máis de 1.000 proxectos emprendedores.

Imaxes relacionadas