A Xunta destaca en Noia a importancia de divulgar os valores do cooperativismo entre os escolares galegos

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta mañá na actividade ‘Almorzos Cooperativos’, impulsada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) no marco da Rede Eusumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria

O alumnado do CEIP Felipe de Castro achegouse á nutrición saudable e ao cooperativismo nunha actividade teórico-práctica

A Xunta ten en marcha a Estratexia Galega da Economía Social que, ata 2021 activará 25 medidas que impulsarán a xeración de 3000 empregos e a creación de 300 novas entidades

Noia (A Coruña), 7 de febreiro de 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta mañá, no CEIP Felipe de Castro de Noia, na actividade Almorzos Cooperativos, impulsada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) no marco da Rede Eusumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, onde destacou a importancia de promover os valores da Economía Social entre os escolares galegos.

A actividade, na que participou alumnado de 4º de primaria, consistiu nunha sesión
teórico-práctica, na que se reforzaron os coñecementos sobre unha alimentación saudable que se completou coa degustación dun almorzo equilibrado con froita, leite e pan con aceite; explicouse o cooperativismo a través de xogos deseñados para promover o traballo en grupo; e repartiuse material didáctico sobre a produción alimentaria e a nutrición.

Ademais, Agaca e a Rede Eusumo poñen en marcha un concurso de microrrelatos dirixido a escolares de segundo ciclo de primaria para fomentar a escritura e promover o interese polo cooperativismo. Os centros interesados en participar poden consultar toda a información en www.agaca.coop.

A secretaria xeral amosou o apoio da Consellería a este tipo de actividades que pretenden achegar a Economía Social a toda a poboación e lembrou o esforzo que se está a realizar por parte da Administración autonómica con fitos como a constitución do Consello da Economía Social en Galicia ou a Estratexia galega neste eido que, ata 2021, activará 25 medidas co obxectivo de xerar 3000 empregos, crear 300 novas entidades, reforzar o papel das mulleres ou reducir os tempos de constitución.

A Estratexia, que forma parte da Axenda20, pretende sumar capacidades, implicando a colectivos como as mulleres, a mocidade e os veciños do rural; sumar sustentabilidade para o crecemento e consolidación de empresas; e sumar identidade para mellorar o coñecemento e sensibilizar sobre a importancia da Economía Social.

Imaxes relacionadas