A Xunta outorgou o ano pasado case cinco millóns de euros en axudas para fomentar o uso de instalacións e equipamentos en réxime asociativo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que dá publicidade ás sete cooperativas beneficiarias destas achegas e ás contías que se lles asignaron

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se fan públicas as axudas concedidas na convocatoria de 2019 para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo. En total outorgáronse algo máis de 4,9 millóns de euros a sete cooperativas da comunidade.

A finalidade destas subvencións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización para fomentar a súa diversificación e incrementar a súa presenza no mercado. Tamén se persegue reducir as emisións dos gases efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

A Xunta promove con estas achegas a racionalización do uso dos factores de produción mediante proxectos de carácter agropecuario de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas. Procúrase así favorecer as iniciativas de carácter innovador ou de introdución de novas tecnoloxías.

Trátase tamén de fomentar a incorporación de novos procesos ou a obtención de novos produtos que contribúan a diversificar a actividade principal das entidades ou a introducir actuacións de apoio complementarias ao traballo dos socios.

Imaxes relacionadas