Lete Lasa celebra “un século de fútbol” do Rácing de Ferrol que “enche a toda a sociedade galega dun forte sentimento de orgullo”

Das 90.000 licenzas federativas que loce o fútbol de Galicia, o Rácing achega preto de 250 entre os seus sete equipos afiliados e máis os outros seis da súa Escola, a metade de todos eles (124), están adscritos ao seguro deportivo 6-16 Xogade que financia a Xunta de Galicia

Ferrol, 6 de febreiro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na inauguración da exposición conmemorativa dos 100 anos do Rácing Club de Ferrol. Nas súas verbas o mandatario galego celebrou “un século de fútbol na sétima cidade de Galicia que enche ao deporte galego e a toda a nosa sociedade dun forte sentimento de orgullo”.

No evento que tivo lugar na Sede Afundación Obra Social Abanca, Lete Lasa lembrou a Constantino Teijo, Francisco Lorenzo, Alfonso Varela e José Freire que se xuntaron en 1919 “para crear un club potente que puidese competir con equipos de prestixio”. Desde aqueles tempos, dixo, “pasaron moitos partidos, moitos xogadores, moitos adestradores, moitas ledicias e tamén moitas tristuras dunha andaina que conta xa con cen anos de historia”.

O secretario xeral informou que, das 90.000 licenzas federativas que loce o fútbol de Galicia, o Rácing de Ferrol achega preto de 250 entre os seus sete equipos afiliados e máis os outros seis da súa Escola de Fútbol. “A metade de todos eles -124-, están adscritos ao seguro deportivo 6-16 Xogade que financia a Xunta de Galicia”, apuntou. Esta é unha das vías polas que o Goberno galego colabora co Rácing que, desde o ano 2009 recibiu uns 350.000 euros da Xunta a través de diversas liñas de axuda.

O responsable do Deporte galego augurou que “coa forza que outorga cumprir cen anos cun estado de saúde envexable”, o Rácing “afastarase dos postos de descenso a Terceira canto antes”. “Logo xa haberá tempo de mirar cara arriba e de tentar regresar á Segunda División como nos primeiros anos do milenio, cando o Rácing disputou seis tempadas na división de prata”, engadiu.

 

Imaxes relacionadas