A Xunta impulsou a modernización da láctea Celega, no Saviñao, achegando axudas por máis de 1 millón de euros nos dous últimos anos

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou a fábrica e explicou que está aberta unha nova convocatoria de axudas para a comercialización e transformación de produtos agrarios, dotada con 26 millóns de euros

O Saviñao (Lugo), 6 de febreiro de 2020

A Consellería do Medio Rural destinou nos últimos dous anos 1.066.000 euros en axudas á empresa láctea Celega para apoiar accións de expansión e modernización que supuxeron un investimento subvencionable de case 2,4 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a fábrica de Escairón e destacou o esforzo dos seus responsables por “continuar medrando e xerando postos de traballo e riqueza no Saviñao e na comarca”. Celega conta cunha trintena de traballadores e recolle a maior parte do leite en ganderías do entorno.

Os últimos proxectos subvencionados pola Xunta serviron tanto para ampliar as dotacións como para mellorar o sistema enerxético ou o de depuración, medidas que tamén inclúen un compoñente medioambiental. Así, entre outras actuacións, reformaron un local para instalar unha nova liña de produción de callada e adquiriron equipamento necesario para o laboratorio.

No que respecta á depuración de augas residuais, incorporaron un sistema de tratamento biolóxico e unha centrifugadora de fangos, ademais de reformar a recollida, condución e segregación das augas da zona de limpeza das cisternas para que non vaian á depuradora. Tamén instalaron unha planta de gas natural licuado para o subministro enerxético, entre outras melloras.

Balseiro sinalou que os procesos de transformación “son fundamentais para engadir valor ás nosas producións, e moi singularmente ao leite” e por iso reciben o respaldo da Consellería a través dun programa específico. Neste momento, explicou, está aberta unha nova convocatoria das axudas para a realización de investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para os anos 2020, 2021 e 2022.

Está dotada cun orzamento de 26 millóns de euros e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 24 de febreiro para presentar as solicitudes. Poden beneficiarse os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como compra de terreos. Tamén se sufraga a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

Imaxes relacionadas