O Campionato Galego Júnior e Escolar de Loitas Olímpicas arranca mañá en Vigo nun contexto de crecemento das licenzas que permite a Galicia ser a comunidade líder neste aspecto

O número de licenzas federativas aumentou desde 2017 un 23% ata superar as 1.600, pero o que é máis importante é o comportamento das licenzas femininas, que no mesmo espazo de tempo subiron un 65% ata situarse nas 600

O secretario xeral para o Deporte valora o traballo da federación que se reflicte nesta subida e na “altísima calidade” que ano tras ano demostran os loitadores e as loitadoras galegas

Santiago, 6 de febreiro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou no día de hoxe xunto ao presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal, o Campionato Galego Júnior e Escolar de Loitas Olímpicas (Libre Olímpica, Grecorromana e Libre Feminina) que terá lugar este sábado 8 de febreiro. En total, no evento que se celebrará no pavillón municipal de Teis, en Vigo, participarán un total de 138 nenos e nenas de entre 13 e 15 anos na categoría escolar e 18 e 20 na júnior. O campionato servirá ademais para comezar o proceso de selección daqueles deportistas que acudirán os campionatos de España representando a Galicia en ambas categorías de idade.

Nas súas verbas, o secretario xeral destacou o gran nivel de Galicia nas Loitas Olímpicas, sendo todo un referente nacional, e subliñou tamén o aumento do número de deportistas femininas que compiten nesta modalidade. Deste xeito, o número de licenzas federativas aumentou desde 2017 un 23% ata superar as 1.600, pero o que é máis importante é o comportamento das licenzas femininas, que no mesmo espazo de tempo subiron un 65% ata situarse nas 600. 2018 e 2019 foron os dous mellores anos da serie histórica da Federación Galega de Loita en canto a licenzas que posibilitaron que Galicia sexa a comunidade autónoma con maior número de loitadores e loitadoras.

José Ramón Lete Lasa valorou o traballo da Federación Galega de Loita que se reflicte neste aumento de licenzas e na “altísima calidade” que ano tras ano demostran os loitadores e as loitadoras galegas. Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia incrementou para 2020 o importe consignado a través do convenio coa federación ata chegar aos 113.000 euros.

Imaxes relacionadas