A Xunta renovará integramente as varandas das dúas marxes da ponte do Mazadoiro de Sarria

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que actuación servirá para reforzar a seguridade dos usuarios

Actuarase nunha lonxitude de 300 metros neste punto da estrada LU-546 (Nadela -Monforte de Lemos) no acceso á vila sarriá

Balseiro afirmou que as obras comezarán de xeito inminente e lembrou que a Xunta xa vén de substituír un treito de 30 metros de varanda que se vira danado por unha caída de árbores
 

Sarria (Lugo), 6 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovará integramente as varandas de ambas marxes da ponte do Mazadoiro de Sarria, que forma parte da estrada LU-546 (Nadela-Monforte de Lemos).

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o lugar no que se efectuarán as obras (á altura do punto quilométrico 23,150 da vía), e explicou que se instalarán novas varandas en toda a pasarela, nunha lonxitude aproximada de 300 metros.

Esta actuación que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) servirá para reforzar as condicións de seguridade dos usuarios da ponte, destacou Balseiro. Segundo indicou, xa está encargado o material preciso para acometer os traballos, que comezarán de xeito inminente.

As obras faranse con cargo ao contrato de conservación e mantemento das estradas da Zona Sur da provincia de Lugo e está previsto que queden rematadas no mes de marzo.

A Xunta xa vén de substituír un treito de 30 metros dunha das varandas que se vira danada pola caída dunhas árbores. “Agora completarase esta actuación e renovaranse a totalidade das varandas nos dous lados da ponte”, concluíu Balseiro.

Imaxes relacionadas