O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuniuse está mañá con gandeiros da Estrada acompañado do alcalde da localidade pontevedresa

A Xunta reitera que seguirá traballando para que a PAC respecte as particularidades galegas e siga sendo garante do noso agro

José Balseiros explicou que a Consellería do Medio Rural está a traballar nas leis de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia e de xestión dos residuos agrogandeiros para velar polo futuro do rural

O director xeral informou, así mesmo, sobre os avances no marco da mesa estratéxica do sector lácteo e ao respecto da oficina agraria e do matadoiro móbiles que porá en marcha a Xunta para dar servizo ás localidades máis illadas que non dispoñen destes servizos
 

A Estrada (Pontevedra), 6 de febreiro de 2020

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse esta mañá cun grupo de gandeiros do concello pontevedrés da Estrada, acompañado do alcalde, José Carlos López Campos. Alí, o director xeral aproveitou para informalos sobre as xestións da Xunta para que a Política Agraria Común siga sendo garante do rural galego, tendo en conta que en cada campaña uns 24.600 agricultores e gandeiros da comunidade reciben arredor de 210 millóns de euros por este concepto. Nese sentido, Balseiros indicou que o Goberno galego segue apostando por unha PAC común para toda Europa, pero que teña en conta as nosas peculiaridades.

José Balseiros lembrou ante os gandeiros e o alcalde estradense que o propio conselleiro do Medio Rural defendeu en Bruxelas medidas como a obrigatoriedade dos pagos redistributivos dende as grandes explotacións ás pequenas, as máis abundantes na nosa comunidade. Tamén sinalou que en Galicia se garante a continuidade de todas as liñas de axudas no 2021 e se aposta por un pacto verde europeo que favoreza a adaptación ambiental transitoria das actividades agrogandeiras.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias destacou tamén que a Consellería traballa noutros eidos como o lexislativo, para devolver á produción as terras abandonadas e infrautilizadas, así como para regular a xestións dos residuos agrogandeiros. Tamén avanza na mesa estratéxica do sector lácteo e no desenvolvemento de novos mecanismos móbiles para achegar ás localidades do rural máis afastadas servizos como as oficinas agrarias ou os matadoiros.

Mobilización das terras

En relación coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, o director xeral apuntou que completará e desenvolverá o marco legal actual culminando o camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Así, xunto coas concentracións parcelarias que se seguirán decretando, promoveranse mecanismos de mobilización voluntarios que darán un maior protagonismo aos interesados na explotación das terras como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta da terra ou as permutas de especial interese agrario.

Nesta mesma liña, Balseiros destacou que se reforzará o Banco de Terras e que se creará a figura pública do Banco de Explotacións, para garantir a remuda xeracional no agro poñendo en contacto aos titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en tomar o relevo.

A maiores deste obxectivo principal de consolidación de poboación no rural, José Balseiros indicou que esta norma buscará facilitar máis base territorial ás explotacións que a precisen, así como previr os incendios e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida no agro. Deste xeito, ademais dos mecanismos voluntarios de mobilización de terras, o novo texto legal contemplará beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación.

Xestión das dexeccións gandeiras

Sobre a futura lei reguladora do sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras xeradas en Galicia, o director xeral explicou que esta norma permitirá contar cunha ordenación legal da produción, recollida, transporte, almacenamento e xestión dos xurros e estercos das explotacións gandeiras galegas, establecendo un sistema integrado de xestión que garanta a trazabilidade destes produtos ata o seu tratamento final.

Deste xeito, engadiu, non só se lle dá cumprimento ás esixencias medioambientais da Unión Europea nesta materia senón que se facilitará a produción de enerxías verdes para o autoconsumo e redundarase na calidade ambiental dos produtos gandeiros galegos co seu conseguinte aumento de valor no mercado.

Por último, o director xeral explicou na reunión cos gandeiros e o alcalde da Estrada os avances no marco da mesa estratéxica para a dinamización do sector lácteo, así como as melloras previstas na atención aos agricultores mediante servizos como o matadoiro móbil ou a oficina agraria móbil nos que está a traballar a Consellería do Medio Rural para achegar estes servizos ás localidades máis illadas que non dispoñen deles.