A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, informou por carta ao rexedor, Xosé Represas, de que a Xunta prevé dispor da actualización do proxecto de Ribadetea no vindeiro mes de marzo
A Xunta última o proxecto de saneamento de Ribadetea, que poderá executarse unha vez que a Confederación Hidrográfica de Miño-Sil acometa a ampliación da depuradora de Ponteareas
Augas de Galicia destaca o seu cumprimento do compromiso adquirido de adaptar a programación das actuacións de saneamento en Ribadetea ao plan director municipal
Lembra que a Confederación Hidrográfica estableceu a necesidade de ampliar a capacidade da depuradora de Ponteareas para poder asumir as augas procedentes do saneamento de Ribadetea
Advirte de que ese o organismo de conca estatal non prevé investimentos nas obras de reforma da depuradora da Moscadeira ata o ano 2021 e o seu remate ata 2023
A Xunta última o proxecto de saneamento de Ribadetea, cuxa execución está supeditada ás obras de mellora e ampliación da depuradora de Ponteareas, pendentes de executar pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, por tratarse dunha obra de Interese Xeral do Estado en Galicia.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez nun escrito remitido ao rexedor municipal, Xosé Represas, informa de que actualmente está en redacción o traballo de adaptación da programación de actuacións de saneamento en Ribadetea ao plan director de saneamento municipal, coa previsión de que sexa entregado pola empresa adxudicataria do contrato en marzo e iniciar a súa supervisión.
Segundo lembra, Augas de Galicia xa planificou anteriormente unha actuación para dotar de saneamento a parroquia de Ribadetea e dita actuación non foi autorizada pola Confederación Hidrográfica de Miño-Sil, xa que a nova rede de saneamento incrementaba a carga da depuradora de Ponteareas, superando a súa capacidade.
Teresa Gutiérrez advirte de que a Confederación Hidrográfica de Miño-Sil non prevé investimentos nas obras de ampliación e mellora da estación depuradora da Moscadeira ata o ano 2021, e non prevé o seu remate ata o ano 2023. Así se reflicte no borrador de convenio remitido á Xunta de Galicia para o financiamento das obras.
Augas de Galicia reitera o seu compromiso de colaborar na cofinanciación desas obras de competencia estatal.
Cómpre sinalar que Augas de Galicia impulsou os novos traballos de revisión e adaptación do proxecto de saneamento integral ao novo Plan director de Ponteareas no marco do comprometido co Concello e os veciños de Ribadetea de actualización da programación deste proxecto de saneamento, cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros.