A Xunta promove o cooperativismo e a economía social en Xantar 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou a XXI Feira Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Expourense ata o domingo, 9 de febreiro

Un total de 12 empresas galegas amosarán os seus produtos no mostrador institucional no que se pretende dar a coñecer os valores da economía social

A Xunta ten aberto o prazo para as axudas ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo e para apoiar os gastos de funcionamento deste tipo de asociacións, dentro da súa Estratexia da Economía Social

Ourense, 6 de febreiro de 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou esta mañá en Ourense, a XXI edición da Feira Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2020, que se celebra en Expourense ata o domingo, 9 de febreiro, e onde a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a promoción e comercialización das empresas galegas da economía social, dos seus produtos e servizos.

En concreto, un mostrador institucional acolle os produtos de 12 empresas: as cooperativas galegas Cooperativa Agraria Provincial (Bico de Xeado), Condado Paradanta, Bodegas Eidosela, Barbudos, Bodega Jesús Nazareno, Terras da Mariña, Tres Fuciños, Hoxe,
A Factoría do Lume, Cobideza e Viña Costeira, así como o centro especial de emprego Panificadora Mencer.

Os asistentes poderán coñecer e degustar os produtos destes doce expositores, así como achegarse e solicitar información sobre a economía social en Galicia, desde que é unha cooperativa e como poñela en marcha, ata as axudas que hai á súa disposición, as oportunidades laborais que xera ou como fomentan a integración a través do compromiso social.

Deste xeito, a Xunta amosa o seu apoio a este modelo que promove unha economía máis xusta, baseada nas persoas. Neste sentido, a Xunta ten abertas, actualmente, dúas convocatorias de axudas incluídas na Estratexia de Economía Social. En concreto, os apoios para as entidades colaboradoras da Rede Eusumo que, cun investimento de 633.900 euros, se destina á realización de actividades de promoción e impulso ao cooperativos e á economía social. As beneficiarias poderán acceder a axudas dun máximo de 120.000 euros. Ademais, tamén se poden solicitar xa as axudas para os gastos de funcionamento de asociacións de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción. En total destínanse 300.000 euros e agárdase poder chegar a oito entidades beneficiarias.

Imaxes relacionadas