A Xunta licitará nas vindeiras semanas as obras de conservación e humanización da contorna da Ponte Vella de Ourense, que inclúen a construción dun novo parque de skate no barrio do Couto

Estas obras, enmarcadas na 2ª fase de posta en valor da Ponte Vella, centraranse na conservación da ponte e na mellora da contorna da Capela dos Remedios

Os traballos previstos permitirán dotar a cidade dun espazo axeitado para unha práctica máis cómoda e segura desta actividade deportiva

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020

A Xunta licitará nas vindeiras semanas as obras da segunda fase de posta en valor da Ponte Vella de Ourense, que inclúen a construción dun novo parque de skate no barrio do Couto.

As actuacións centraranse na conservación da propia ponte e na mellora da contorna da Capela dos Remedios, acondicionando e ampliando o acceso á entrada lateral da ermida e substituíndo a varanda.

Tamén se potenciarán as conexións peonís desde os distintos puntos da cidade cara a este conxunto patrimonial, coidando o mobiliario e creando un espazo para o lecer.

No marco destes traballos, liberarase a zona que hoxe ocupa o parque de skate, construíndo un novo no Barrio do Couto, que contará cun circuíto de bicicletas (pump track) executado en zahorra e capa de rodadura asfáltica.

Estas actuacións permitirán dotar a cidade de Ourense dunhas instalacións axeitadas para unha práctica máis cómoda e segura desta actividade deportiva. Ademais, o traslado deste parque tamén posibilitará acadar unha contorna ampla e aberta que servirá de antesala á Capela dos Remedios e como conexión coa Ponte.

A Xunta achegará un orzamento de case un millón de euros para executar estas actuacións, que se veñen a sumar ás xa realizadas na 1ª fase, acadando un investimento global de 1,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas