A conselleira de Política Social, Fabiola García, deu conta esta tarde no Parlamento de Galicia sobre esta iniciativa

A Xunta celebrará este mes unha reunión de traballo cos axentes implicados para seguir avanzando na estratexia contra a soidade non desexada

Participarán especialistas de diferentes administracións e institucións como a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Instituto Galego de Estatística (IGE), a Cruz Vermella ou a Sociedade Galega de Xeriatría

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta tarde que a Xunta reunirase este mes con especialistas de diferentes administracións e institucións para seguir avanzando na Estratexia contra a soidade non desexada na que vén traballando o Goberno galego durante os últimos meses. Díxoo durante a resposta a unha pregunta oral no Parlamento galego sobre a evolución desta medida.

A conselleira asegurou que a Estratexia contra a soidade non desexada, que verá a luz nos vindeiros meses, está dentro dos obxectivos do Goberno galego para este 2020, xunto á extensión do programa Coidados porta a porta, o incremento das casas do maior ou o obxectivo de chegar aos 65.000 dependentes atendidos. Nesta liña, detallou que na reunión participarán as Consellerías de Política Social e Sanidade, a Federación Galega de Municipios e Provincias, o Instituto Galego de Estatística, a Cruz Vermella, a Sociedade Galega de Xeriatría e entidades de iniciativa social no ámbito de maiores e dependencia.

Fabiola García detallou os pasos seguidos pola Administración autonómica nos últimos meses para a elaboración desta estratexia. Así, concretou que unha das primeiras actuacións foi reunirse con equipos directivos do Instituto Galego de Estatística (IGE) para determinar a metodoloxía e delimitar as cifras das persoas en situación de soidade non desexada. A conselleira sinalou que tamén se estableceu un primeiro contacto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para establecer canles de comunicación que permitan compartir información que poida ser de interese.

Deste xeito, tamén se referiu aos encontros que o Goberno galego mantivo nos últimos días con entidades e institucións relacionadas con este ámbito como Cruz Vermella, a Asociación Galega de Pensionistas ou coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) para lograr a súa implicación, así como a participación en reunións e foros do Imserso e do Consejo Estatal de Personas Mayores, onde se trasladou ás autoridades nacionais que Galicia está a traballar nesta estratexia.

Imaxes relacionadas