Sanidade investirá preto de dous millóns de euros no Hospital Comarcal de Valdeorras en 2020

O conselleiro de Sanidade lembrou que o servizo de Hospitalización a domicilio ampliouse a toda a comarca a semana pasada

Durante o pasado ano, leváronse a cabo neste hospital 2.191 intervencións cirúrxicas, 62.530 consultas e 39.285 probas diagnósticas urxencias

O pasado 31 de xaneiro asinouse un protocolo de colaboración co Concello da Rúa e coa Deputación de Ourense para construción dun novo centro de saúde

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia as melloras que se están a levar a cabo no Hospital Comarcal de Valdeorras. Segundo referiu o conselleiro, durante o ano 2020 está previsto un investimento para este centro que ronda os dous millóns de euros.

Polo que se refiere aos investimentos en obras, dixo Almuiña, está xa licitado o procedemento de contratación da reforma da zona de consultas externas. Esta reforma permitirá instalar un novo ascensor-montacamas, dotar un sistema de quenda e mellorar o confort térmico da área de rehabilitación-espera de resonancia magnética, ademais da reforma e actualización de consultas externas. O proxecto contempla actuar sobre unha superficie de 808 m2 cun orzamento estimado de licitación de 477.389,20 € e un prazo de execución duns 5,5 meses.

No tocante á reforma do Hospital de día de oncoloxía e a área de dixestivo, Unidade de cirurxía maior ambulatoria e Farmacia, o investimento estimado en obra sería duns 900.000 euros, segundo afirmou o conselleiro. Nestes momento está en fase de redacción do proxecto. Levaranse a cabo actuacións nas 3 zonas cunha superficie de 415 m2.

Almuiña explicou que a primeira das zonas, a do Hospital de día, contará con 12 sillóns separados con elementos móbiles para favorecer a privacidade do tratamento e 2 camas lixeiras de fácil transporte, mentres que en oncoloxía/paliativos, haberá dúas consultas e unha sala de espera. Ademais, na área de endoscopias/dixestivo haberá unha sala independente con dúas áreas: unha dedicada á espera de consultas e outra á espera de probas.Tamén disporá dun baño, dado que os pacientes con preparación para colonoscopias, poden ter necesidade de acceso urxente ao mesmo. Constará ademais de dous locais de consulta ou despachos e unha sala para a realización de probas.

A segunda das zonas nas que se intervirá será a Unidade de cirurxía maior ambulatoria. Aquí ampliarase a zona de atención preoperatoria e readaptación ao medio, cunha sala diáfana, máis ampla, coas áreas de camas e de cadeiras de brazos distribuídas de forma que sexa posible a visión directa de todos eles desde o control de enfermería. A área de camas e a área de cadeiras de brazos terán a posibilidade de peche para manter a privacidade, segundo informou o conselleiro

En canto ás reformas na área de Farmacia, vaise crear unha zona de recepción-dispensación separada ademais de construírse dúas salas dotadas de sistema de transferencia de material que evite a apertura das portas mentres dure a preparación de fármacos en ambas as zonas. Así mesmo, entro outras actuacións, crearase unha zona, non existente na actualidade para a almacenaxe de material necesario ao igual que unha área especifica para a realización do reenvasado, independente de calquera outra función para evitar contaminación

O conselleiro lembrou que, ademais, nos orzamentos deste 2020 está prevista unha dotación de 500.000 euros para equipamentos.

Recursos hospitalarios e actividade asistencial

Segundo os datos presentados polo titular de Sanidade, o Hospital de Valdeorras atende na actualidade a 30.363 persoas o que supón unha diminución do 15,2% respecto hai dez anos, cando daba asistencia a 35.912 persoas. Destacou ademais que conta con consultas de oncoloxía, nefroloxía, neuroloxía, dixestivo, reumatoloxía, endocrinoloxía e dermatoloxía que son íntegramente cubertas por especialistas que se trasladan desde Ourense. Conta tamén co servizo de Hospitalización a domicilio (HADO) que dende a semana pasada da cobertura a toda a comarca.

O cadro de persoal nestes 5 últimos anos aumentou en 5 facultativos e 27 sanitarios non facultativos. Ademais o conselleiro remarcou que nos últimos anos fixéronse melloras como a reforma do laboratorio e urxencias, do equipamento de anestesia de xinecoloxía e obstetricia, de esterilización, da cociña, da farmacia e dos sillóns de tratamentos de oncoloxía. Nos últimos tres anos o investimento foi preto de 500.000 €.

Neste hospital realizáronse o ano pasado 39.285 probas diagnósticas, 62.530 consultas e 2.191 intervencións cirúrxicas. Así mesmo, referiu Almuiña, os últimos datos de decembro de 2019 reflicten que o tempo medio de espera cirúrxica neste Hospital foi de 37,4 días, respecto aos 48,2 días de Ourense ou os 54,5 días do Sergas

O conselleiro pechou a súa intervención lembrando que o 31 de xaneiro vense de asinar un protocolo de colaboración do Servizo Galego de Saúde co Concello da Rúa e coa deputación de Ourense para a construción dun novo centro de saúde. O Concello de A Rúa cederá a parcela, a urbanización será por conta da Deputación e a construción do centro de saúde correrá a cargo do Sergas.

Imaxes relacionadas