A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde denunciou o clamoroso incumprimento dos prazos do AVE

A Xunta insta ao Goberno estatal a poñer data para trasladarlle aos galegos información oficial e certeira sobre o remate das obras da alta velocidade a Galicia

Vázquez Mourelle explica que onte o Goberno galego lle solicitou ao Ministerio de Transportes unha comisión de seguimento das obras do AVE, similar á constituída para a AP-9, e que se convoque xa en febreiro, sen demoras

Informa de que a Xunta agarda resposta á solicitude formulada ante o Adif para coñecer o expediente remitido á Unión Europea sobre o AVE a Galicia

Agarda que o Ministerio atenda as demandas e constitúa esa comisión, como no caso da que xa existe para o ferrocarril e a alta velocidade en Murcia ou País Vasco

Fai fincapé en que hoxe é día 5 de febreiro e as obras, que tiñan que estar finalizadas o 31 de decembro de 2019 como prometeron, non están rematadas

Precisa que os informes dos técnicos da Xunta, as informacións da Unión Europea e todas as previsións e os cálculos son a clara evidencia de que o Executivo central non está dicindo a verdade aos galegos sobre a chegada do AVE

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, instou hoxe ao Goberno central a poñer data para trasladarlles á Xunta e aos galegos información oficial e certeira sobre o remate das obras da alta velocidade a Galicia.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Vázquez Mourelle explicou que onte o Goberno galego lle solicitou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana unha comisión de seguimento das obras do AVE, similar á constituída para a AP-9, e que se convoque xa en febreiro, sen demoras.

Reiterou que agarda que o Ministerio atenda as demandas e constitúa esa comisión, como no caso da que xa existe para o ferrocarril e a alta velocidade noutros territorios, como Murcia, Granada ou País Vasco.

Fixo fincapé no clamoroso incumprimento dos prazos dados a Galicia sobre o AVE, posto que hoxe é día 5 de febreiro e as obras, que tiñan que estar finalizadas o 31 de decembro de 2019 como prometeron, non están rematadas.

Lamentou que o Goberno de España lle oculte aos galegos a información sobre cal é a previsión para o remate das obras do AVE, pois lembrou que o ministro de Transportes, José Luís Ábalos, estivo hai 10 días na Comunidade e non ofreceu datos concretos deste proxecto estratéxico.

Mentres, a conselleira precisou que os informes dos técnicos da Xunta, as informacións da Unión Europea e todas as previsións e os cálculos evidencian que o Executivo central non lle está a dicir a verdade aos galegos sobre a chegada do AVE.

Explicou que as actuacións sobre o terreo certifican o que vén dicindo o Goberno galego, é dicir, o incumprimento co remate do AVE, que é un obxectivo de país que está por enriba das siglas e dos partidos.

Subliñou que o Goberno galego lle ten solicitado ao Goberno central o expediente remitido á Unión Europea, petición que a día de hoxe non ten atendido. Precisou que hai uns 15 días que se requiriu ese informe e a Xunta agarda que Adif conteste canto antes.

Por estas razóns, a conselleira resaltou que a Xunta vén pedindo compromiso, axilidade e información real sobre as obras do AVE.

Imaxes relacionadas