Case dous millóns de euros recadados por sancións en materia de vivenda foron destinados á concesión de axudas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda informou esta tarde da actividade inspectora realizada en vivenda protexida na Comunidade no 2019, que se pechou con máis de 2.000 inspeccións no conxunto de Galicia

Ademais das comprobacións realizadas tras unha denuncia, os inspectores do IGVS executan actuacións de oficio

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

O importe recadado polas sancións e multas impostas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo en materia de vivenda protexida elevouse a case dous millóns de euros, desde o ano 2013. Este importe foi redirixido aos distintos programas en materia de vivenda, co fin de achegar o maior número de axudas posibles entre os solicitantes.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, interveu esta tarde no Parlamento de Galicia para informar da actividade inspectora realizada durante o ano 2019, que se pechou con 2.159 inspeccións totais realizadas e que dende 2013 se elevan a case 20.000 (19.649).

Destacou que para o cumprimento deste aspecto, o IGVS conta cun equipo de inspectores nas catro áreas provinciais e nos servizos centrais de Santiago de Compostela, que actúan en base a unha programación de oficio, mentres que outras son derivadas de denuncias recibidas no Instituto.

Ángeles Vázquez recordou que o obxectivo do réxime sancionador da Lei non é recadar, senón procurar o seu cumprimento e, a modo de exemplo, explicou como se actúa no caso dunha sanción a un arrendatario que non deposita a fianza no IGVS no prazo dun mes, dende a firma do alugueiro. No caso de que o propietario deposite a fianza por propia iniciativa, pero fóra de prazo, non se imporía unha sanción, pero debería abonar os intereses derivados desde a data do contrato ata a data do depósito. Por outra banda, se o propietario non deposita a fianza, e o IGVS o detecta, inicia un expediente sancionador, que poderá finalizar coa imposición dunha sanción de entre 300 e 3.000 euros, ademais do depósito do importe da fianza.

A conselleira manifestou que ditos importes poden destinarse ás anualidades dos distintos programas en materia de vivenda, como, por exemplo, o programa Áreas de Rehabilitación Integral, que na actualidade suma 71 ARI nos concellos galegos, o maior número de ARI da historia da comunidade.

Imaxes relacionadas