A Xunta elaborará da man do sector un plan da danza galega para o fomento e apoio desta disciplina

O conselleiro de Cultura e Turismo avanzou que este documento será resultado dunha mesa plural que contará coa representación de todos os axentes implicados

Salientou o apoio do Goberno galego ás industrias culturais ao investir máis de 5,4 M€ anuais en axudas para a posta en marcha de preto de 250 proxectos

Destacou que as redes da Agadic superaron no último lustro os 6.000 espectáculos e funcións programadas ás que asistiron preto dun millón de espectadores

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

A elaborará da man do sector un plan da danza co obxectivo de seguir fomentando e apoiando esta disciplina a través da formación e profesionalización, a produción de novos espectáculos vinculados coa tradición e a identidade galega e a mellora da súa difusión e distribución. Avanzouno hoxe no Parlamento o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que explicou que esta folla de ruta será o resultado do traballo dunha mesa plural da danza, con representación de todos os axentes implicados neste sector.

Segundo o titular de Cultura e Turismo, a través desta mesa de traballo estudiarase a situación actual da danza, analizaranse os seus retos de futuro e abordaranse as medidas que é necesario implementar para seguir impulsando esta disciplina. Neste sentido, salientou o apoio do Goberno galego á danza e ao conxunto das industrias culturais co obxectivo de fomentar o seu crecemento e consolidación.

No marco de ese apoio, Román Rodríguez destacou o investimento de máis de 5,4 millóns de euros anuais en axudas ás industrias culturais para impulsar máis de 250 proxectos. Destacou ademais que as redes da Agadic “son as redes culturais máis importantes de Galicia”, ao superar no último lustro os máis de 6.000 espectáculos e funcións programadas e ao acadar un número total de espectadores de preto dun millón de persoas, unhas cifras moi superiores aos anos previos da crise. Citou, así mesmo, recoñecidas propostas da Xunta como Escenas do Cambio, o festival de inverno de teatro, danza e arte de acción que celebra estes días a súa sexta edición.

Impulso á cultura a través do Xacobeo 2021

Ademais, o conselleiro de Cultura e Turismo subliñou a posta en marcha dunha batería de iniciativas culturais vinculadas ao Xacobeo 2021. Deste xeito, puxo en valor a iniciativa O teu Xacobeo, que na súa primeira edición está a financiar centos de proxectos vencellados ás industrias culturais en todo o territorio galego a través dunha liña específica para empresas que terá continuidade na segunda edición.

Do mesmo xeito, Román Rodríguez explicou que dous dos grandes proxectos da programación do vindeiro Ano Santo, Xacobeo Cidades e Xacobeo en Camiño, permitirán impulsar directamente as industrias culturais galegas en todas as zonas da xeografía galega. No caso de Xacobeo Cidades, deseñarase unha gran programación de concertos, mostras, teatro na rúa, música tradicional ou apoio aos grandes creadores emerxentes en cada gran cidade galega, mentres que no caso de Xacobeo en Camiño, permitirá poñer en marcha unha programación de vangarda e integramente galega que chegará a todas as grandes vilas e cabeceiras de comarca.

Imaxes relacionadas