‘Escenas do Cambio’ afronta a súa recta final co relato dunha sobrevivente do xenocidio en Ruanda e cun xuízo real a Hamlet

A guerra do país africano será contada, cantada e bailada por Dorothée Munyaneza en ‘Samedi Détente’, que se representará o xoves no Teatro Principal

Un equipo xudicial en activo xulgará o venres a Hamlet na Facultade de Dereito, onde o público exercerá de xurado popular

Esta edición pecharase o sábado cunha peza de monicreques de Gisèle Vienne e cunha sesión de contacontos de Quico Cadaval, ‘Guti’ e Celso Fernández Sanmartín, que tamén cociñarán para os asistentes

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

Escenas do cambio –o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– encara xa a súa segunda e derradeira semana da edición de 2020 coa representación de cinco pezas, entre as que se atopa o relato contado, cantado e bailado dunha sobrevivente do xenocidio de Ruanda e un xuízo real ao personaxe literario Hamlet para o que se contará cun xuíz, fiscal e psiquiatra en activo e no que os espectadores exercerán de xurado popular.

O festival desprazarase mañá ao casco histórico de Santiago –dentro da súa filosofía de expandir o festival máis aló do espazo físico do Gaiás– para estrear en España e no Teatro Principal de Compostela Samedi Détente. Trátase dun relato en primeira persoa de Dorothée Munyaneza sobre o asasinato de 800.000 tutsis, cometido en Ruanda a medidos dos anos 90 polo goberno hexemónico hutu.

Dorothée Munyaneza fai uso da palabra para contar e cantar este relato do horror, da que ela foi testemuña na infancia. E faino como unha terapia –con baile e cancións– e como un xeito de amosar a través da arte as cicatrices propias e da historia, co ánimo de advertir dos perigos dos fanatismos identitarios.

Ese mesmo día e antes desta estrea, Escenas do cambio 2020 leva ao Salón Teatro –tamén situado no casco antigo de Compostela– a obra en portugués Légende, peza que forma parte da colaboración do festival co Instituto Camões de Portugal en Vigo e coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Trátase dunha orixinal conferencia de Romain Teule, na que xogará coa linguaxe, tamén dos animais, para abordar na práctica conceptos tales como a interpretación e a malinterpretación.

Xuízo real a Hamlet

O venres o festival continuará a súa programación polo centro da cidade, xa que levará a representación de Please, continue (Hamlet) á Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta obra, o dramaturgo catalán Roger Bernat xulgará o personaxe de Shakespeare. Para iso, converterá o público asistente en xurado popular e terá o atractivo engadido de que contará cun equipo xudicial real en activo.

En concreto, esta peza terá a participación de Ángel Pantín, presidente da sala compostelá da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña; de Antonio Roma, ex fiscal da área de Santiago e actualmente coordinador de xustiza no Programa de Cooperación de Loita contra a Criminalidade organizada en América, do avogado Jesús Alonso e do psiquiatra Tiburcio Angosto.

Pechará o festival, o sábado 8 de febreiro, Tres vellas (polo menos) que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez Guti, que ademais de fiar con humor e retranca historias cotiás e de vida, tamén cociñarán in situ para os asistentes.

Colaboración internacional e venda de entradas

Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2020 conta cunha rede de colaboradores. Deste xeito, ademais do Instituto Camões de Portugal en Vigo, súmase o INAEM, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC).

Toda a información da programación de Escenas do Cambio 2020 está na páxina da Cidade da Cultura de Galicia e tamén na do festival.

Imaxes relacionadas