A Xunta acorda ceder o albergue xuvenil de Portomarín ao Club Fluvial de Lugo cando non haxa campamentos

O centro acolle campamentos de verán desde o 15 de xuño ao 5 de setembro

Lugo, 4 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta tarde que o Goberno galego cederá o albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín ao Club Fluvial Lugo cando non haxa campamentos de verán. Díxoo logo dunha reunión co presidente da entidade, Tito Valledor, o alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

A conselleira destacou a importancia de que as administracións colaboren para darlle ás infraestruturas públicas a maior utilidade posible e beneficien a máis xente. O Club fará uso do albergue durante os meses que non estea ocupado por un campamento de verán da Xunta de Galicia, que se desenvolven do 15 de xuño ao 5 de setembro.

Fabiola García lembrou que esta fórmula xa está sendo empregada noutros lugares como no albergue das Sinas que ofrece as súas instalacións ao concello de Vilanova de Arousa; o pavillón de Marina Española, que ten un acordo co Concello de Sada e cun Club de baloncesto; ou no campamento xuvenil da Devesa, en Ribadeo, que comparte o centro coa Federación Galega de Rugby.
 

Imaxes relacionadas