Sanidade aposta por seguir mellorando os hospitais comarcais con máis profesionais, equipamentos e infraestruturas

Almuiña anuncia novos incentivos profesionais para prazas de difícil cobertura

No pleno do Parlamento, o conselleiro de Sanidade avanzou as melloras previstas para 2020 nestes centros, que no seu conxunto atenden a case 340.000 galegos

Durante 2019, os sete comarcais realizaron máis de 24.000 intervencións cirúrxicas, 509.000 probas diagnósticas e máis de 564.000 consultas

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para destacar que durante 2020, o seu departamento continuará apostando polos hospitais comarcais como vén facendo nos últimos anos “con máis e mellores servizos, con máis profesionais, equipamentos e infraestruturas”. Nesta liña, lembrou que en Galicia contamos con sete hospitais comarcais que no seu conxunto atenden a case 340.000 persoas, e que e o seu obxectivo segue sendo o mesmo desde a súa creaciónde “achegar os servizos aos cidadáns, buscando a maior accesibilidade e equidade”.

Almuiña lembrou o importante esforzo que está a realizar o Sergas para incrementar efectivos durante todos estes anos nos hospitais comarcais, pese “as dificultades que temos en toda España para contratar profesionais pola súa escaseza”. Neste senso,destacou que en mesa sectorial incorporouse unha puntuación no baremo de méritos para aqueles profesionais que exercen ou exerceron nos comarcais, e que o Sergas está a traballar en medidas aínda por negociar como a posibilidade de aumentar a puntuación no caso de especialidades médicas de especial dificultade de cobertura e outros incentivos na carreira profesional, entre outras.

Para o conselleiro de Sanidade, o firme compromiso do Goberno galego polos hospitais comarcais quedou ratificado no seu día coa modificación da Lei de Saúde, que “representa unha blindaxe aos comarcais ao crear os distritos sanitarios, dentro das áreas sanitarias, xa que todos os hospitais son centro de distrito polo que se igualan en consideración legal aos hospitais centrais”. Esta medida consolida unha estrutura que garante a equidade e permite proporcionar servizos complexos nestes centros, evitando desprazamentos aos pacientes e achegando a atención aos seus lugares de residencia.

Entre outros datos, durante a súa comparecencia, Almuiña destacou que durante 2019, os sete hospitais comarcais de Galicia realizaron un total de 24.541 intervencións cirúrxicas, 509.172 probas diagnósticas e 564.492 consultas externas.

Melloras para 2020 nos sete hospitais comarcais

Durante este 2020, no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee o Sergas ampliará o horario do servizo de diálise a 3 días máis en horario de mañá (martes, xoves e sábados). Ademáis, abrirase unha consulta de cardioloxía de alta resolución e o servizo de Oftalmoloxía contará cunha unidade de retina. Tamén se realizarán reformas no servizos de urxencias e nas áreas de atención ao paciente e traballo social.

No Hospital da Barbanza o conselleiro de Sanidade destacou a recente apertura en xaneiro da unidade de rehabilitación cardíaca, e lembrou que neste 2020 finalizará o novos servizo de urxencias que conta cun investimento de 1,4 millóns de euros. O hospital tamén ten prevista a reforma das salas de endoscopias dixestivas por valor de 248.446 euros.

Na provincia de Lugo, Almuiña destacou que os hospitais de Monforte e da Mariña contarán con cadanseu laboratorio multicéntrico, que substituirá os tres laboratorios actuais que hai en cada centro; e tamén a implantación nestes distritos do programa Hermes de citas preferentes.

Máis en detalle, o conselleiro de Sanidade destacou o remate da fase 1B do Plan director do Hospital da Mariña e a licitación do proxecto técnico de execución das fases seguintes do plan director, de acordo ao novo plan funcional. Así mesmo, destacou o inicio en xaneiro da obra de reforma de substitución de carpintería exterior e mellora de envolventes térmicas cun importe de adxudicación de 1,8 millóns de euros. Ademáis, entre outras actuacións a realizar, o conselleiro destacou a reforma de espazos nos servizos de urxencias e un programa de fisioterapia para pacientes crónicos.

Con respecto do Hospital de Monforte, Almuiña anunciou para este 2020 o inicio da integración funcional dos servizos hospitalarios que comezará co Servizo de Neuroloxía, a posta en marcha do Hospital de Día de Procesos Asistenciais; e o desenvolvemento do plan director que conta con 5 fases e está estimado en 15 millóns de euros. Nunha primeria fase, abordarase o novo hospital de día Oncohematolóxico e de Procesos asistenciais, e ampliación de farmacia.

Na provincia de Ourense, o Sergas ten previsto estender a hospitalización a domicilio a toda a comarca no primeiro trimestre do 2020 e tamén está prevista a reforma da zona de consultas externas do Hospital do Barco. Está xa licitado o procedemento de contratación de obra para actuar sobre unha superficie de 808 m2 cun orzamento estimado de licitación de 477.389,20 € e un prazo de execución duns 5,5 meses. Tamén está prevista a reforma do Hospital de día de oncoloxía e área de dixestivo, Unidade de cirurxía maior ambulatoria e Farmacia. Así mesmo, está prevista nos orzamentos 2020 unha dotación de 500.000 euros para equipamentos.

Con respecto do Hospital de Verín, no primeiro trimestre deste ano 2020 comenzarán coas consultas de enfermería xinecolóxica de menopausia e solo pélvico, e a finais do segundo semestre coa extensión da pilotaxe do programa galego de cribado de cáncer de cérvix. En obras, está en fase de licitación a redacción do proxecto básico e de execución das novas urxencias, cun investimento estimado de 2,3 millóns de euros e hai prevista unha partida en orzamento de 300.000 euros para equipamentos.

Na provincia de Pontevedra, destaca a apertura e inicio da actividade no hospital de Día Oncolóxico do Hospital do Salnés, que permitirá o tratamento de quimioterapia de pacientes oncolóxicos de toda a comarca neste centro. O Sergas tamén ten en fase de redacción o proxecto da nova central de esterilización, e se está a traballar nun proxecto dos servizos de traumatoloxía e rehabilitación, que pretende unha estadía de 3 días para os pacientes que ingresan para intervención de prótese de cadeira.

Imaxes relacionadas