Carmen Pomar e Antonio López asinaron un convenio de colaboración

Educación formará a quince docentes no curso de Postgrao de Especialización na Educación Emocional da USC

O obxectivo é que o profesorado participante adquira a preparación necesaria para converterse en especialistas nesta materia

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020

Ata 15 docentes, que serán determinados pola Consellería a través dunha convocatoria pública, están a punto de iniciar o curso de Postgrao de Especialización na Educación Emocional que imparte a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Así se establece no convenio de colaboración que veñen de asinar a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o reitor da USC, Antonio López, a través do que a Consellería de Educación, Universidade e Formación do profesorado achegaralle á Universidade 25.740 € para contribuír ao desenvolvemento de proxectos de investigación que impliquen un avance no eido da Educación Emocional.

O obxectivo é que, despois da formación recibida, o profesorado participante teña adquirido a preparación necesaria para converterse en especialistas en Educación Emocional. Trátase de crear unha rede de persoas expertas no eido da educación emocional que, tras un proceso de formación en cascada, lles permita trasladar os seus coñecementos a todo o profesorado interesado nesta temática.

A cooperación desenvolverase a través da reserva de 15 prazas para docentes na devandita titulación. Entre os contidos da formación figuran as seguintes temáticas: Marco conceptual da educación emocional; Neurociencia e emocións; Xestión das emocións; Liderado emocional, plano social e individual; Entrenamento das competencias emocionais; Educación emocional en acción, aplicacións e experiencias; Deseño e avaliación en educación emocional e Elaboración dunha proposta de intervención desde a Educación Emocional. Moitas delas figuran no temario deste curso na actualidade

Selección dos docentes

A selección do profesorado participante farase a través da convocatoria publicada xa no Portal Educativo da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes é de 5 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria, isto é, do 3 ao 7 de febreiro de 2020.

Poderá solicitar a participación nesta actividade formativa o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que impartan as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que desempeñe as súas funcións en centros docentes públicos. Os criterios xerais para a selección de participantes serán os establecidos no plan anual do profesorado para a modalidade de cursos presenciais e mixtos.

No referido aos criterios específicos de selección para actividade, en concordancia cos establecidos pola USC para a realización do curso de especialización, valorarase a formación en educación emocional –en calidade de asistente ou persoa relatora– e a experiencia profesional no desenvolvemento de accións ou programas referidos á educación emocional –en calidade de persoa coordinadora, asesora ou titora en rede–; en ambos casos acreditada polas estruturas de formación da Consellería .

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Imaxes relacionadas