Galicia sitúase como a segunda comunidade na que máis baixa o paro no último ano e suma 11 meses por riba do millón de afiliados

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro do mes de xaneiro na visita que realizou ás oficinas de Accede Social, Ges e Coregal, en Santiago de Compostela

Destaca que Galicia conta con 7045 parados menos que hai un ano, situándose o nivel de desemprego en cifras moi inferiores ás de hai once anos e superando o ritmo de baixada do Estado en máis de 3 puntos

As afiliacións medran o 1,42%, sumando 14.136 cotizantes no último ano, ata alcanzar 1.006.506, o que equivale a 39 novos afiliados ao día nestes 12 meses

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos de paro rexistrado nunha visita que realizou ás oficinas de Accede Social, Ges e Coregal. Destacou que Galicia está a consolidar o emprego creado nos últimos anos, xa que o paro na evolución anual continúa baixando, mentres que as afiliacións e a contratación indefinida e a tempo completo seguen aumentando.

Galicia comeza 2020 con 7045 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -4,03% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai once anos. Por sétimo ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de xaneiro. Estes datos sitúan Galicia como a segunda Comunidade que rexistra unha maior baixada de desemprego, superando a media española (-0,97%) en máis de tres puntos. O paro tamén baixou nas catro provincias galegas e nas 7 grandes cidades (agás A Coruña), así como en todos os sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta: menores de 30 anos, parados de longa duración e mulleres. De feito, nestes tres colectivos fíxoo a maior ritmo que a media galega: descendeu nun -4,14% entre os menores de 30 anos; nun -5,53% nos parados de longa duración; e nun -4,26% nas mulleres.

A secretaria xeral de Emprego tamén puxo en valor que as afiliacións encadean 11 meses por riba do millón de afiliados. En concreto, no último ano medran o 1,42%, o que supón 14.136 cotizantes máis á Seguridade Social ata alcanzar a cifra de 1.006.506, é dicir, unha media de 39 novos afiliados ao día. Neste sentido, a afiliación medra o dobre do que descende o número de desemprego. Ademais, os contratos indefinidos creceron en Galicia un 4,43% mentres que a tempo completo tamén medraron, nun 4,54% fronte ao descenso rexistrado no conxunto do Estado.

Por provincias, na evolución anual, Pontevedra liderou a caída (-5,06%), seguida de Ourense (-4,43%), A Coruña (-3,13%) e Lugo (-3,03%). Por sectores, destacou a baixada na agricultura e na pesca (-7,48%), seguida da construción (-7,45%), a industria (-6,82%) e os servizos (-2,77%).

En canto á evolución mensual, Toca indicou que o aumento rexistrado é a segunda suba máis baixa das últimas dúas décadas e explicou que o paro aumenta en xaneiro ao longo de toda a serie histórica, desde 1996. De feito, agás Baleares, todas as Comunidades rexistran un ascenso


este mes e Galicia é a quinta cun mellor comportamento. Con respecto a decembro, a contratación aumentou en Galicia un 10,36%, case nove puntos máis que a media española.

Toca destacou que Galicia traballa, a través da Axenda 20, na creación de máis e mellor emprego e subliñou a importancia dos autónomos neste obxectivo. Por iso, a Xunta segue adiante coa Estratexia do Autónomo e activa 24,5M€ en axudas para avanzar na conciliación, fortalecemento, contratación e competitividade deste colectivo. Destacan tres novas axudas: o Bono Nova Oportunidade, o Bono Renova e un bono para facer fronte aos gastos do servizo da escola infantil, que pretenden completar o abano de apoios dispoñibles.

Visita a Accede Social

A secretaria xeral de Emprego valorou os datos do paro na visita que realizou ás oficinas do centro especial de emprego Accede Social. Cun cadro de persoal de 60 persoas con discapacidade, o centro dedícase ao transporte adaptado grazas a unha frota de 16 microbuses que dá servizo a 200 persoas. Toca destacou a necesidade de que as administracións, o tecido empresarial e a sociedade realicen un esforzo conxunto para conseguir un emprego cada vez máis inclusivo.

Imaxes relacionadas