A Xunta apoia ás Anpas na posta en marcha de programas de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas, que se inscriben no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A iniciativa conta cun orzamento total de 400.000 euros para financiar as actividades das Asociacións de Nais e Pais galegas destinadas a promover a igualdade

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas destinada a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais galegas (Anpas) do alumnado de centros educativos de Galicia.

Estas axudas, financiadas no desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, contan para esta convocatoria de 2020 cun orzamento total de 400.000 euros. Cada solicitude poderá recibir un máximo de 4.000 euros se é de carácter individual; ou de 7.000 euros no caso de peticións conxuntas presentadas por dúas ou máis Anpas ou para as federacións e confederacións de Anpas.

Ao abeiro destas subvencións, poderán financiarse actividades de difusión, información e formación dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias e á comunidade educativa. Para que o programa poida ser subvencionado ten que incluír, como mínimo, o desenvolvemento dunha iniciativa dirixida directamente ás familias, nais e pais, sobre as actividades levadas a cabo co alumnado e o resto da comunidade educativa.

Entre as actuacións subvencionables inclúense as escolas de nais e pais sobre temas de igualdade, educación afectivo-sexual ou violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos que axuden ás nais e pais a detectar casos de violencia de xénero dos que poden ser vítimas ou agresores as súas fillos e fillas; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais e para a mocidade sobre o uso adecuado das novas tecnoloxías, en especial ao que se refire á protección da privacidade e os ciberdelitos; accións para formar sobre novas masculinidades co obxectivo de romper cos micromachismos; e outras medidas que sensibilicen ás familias sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas a seguir para previr ou detectar a violencia de xénero, ou os protocolos existentes en casos de agresións.

A Xunta pretende con esta convocatoria impulsar a perspectiva de xénero nas Asociacións de Nais e Pais co obxectivo de chegar ás familias e promover unhas relacións respectuosas que promovan a igualdade entre mulleres e homes e preveñan a violencia de xénero.

A presentación das solicitudes realizarase a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas