A Xunta presenta as propostas de iluminación ornamental da ponte de Rande e solicítalle ao Ministerio que facilite a súa instalación o antes posible

A concesionaria da AP-9 atendeu a demanda do Goberno galego de impulsaar a iluminación da ponte e dispón de alternativas de tres empresas sobre as que debe decidir o Ministerio titular da autoestrada

A Xunta traslada a súa disposición a colaborar no financiamento dos custos precisos para a instalación da iluminación

Os representantes do Executivo autonómico insisten na necesidade de abordar co Goberno central a transferencia da autoestrada a Galicia, a aplicación de medidas compensatorias pola suba de peaxes e o cumprimento dos compromisos adquiridos cos veciños de Redondela
 

Vigo, 3 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia presentou hoxe as propostas técnicas de iluminación da Ponte de Rande e demandoulle ao Ministerio de Transportes e Mobilidade que facilite a súa instalación o antes posible. O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, defenderon hoxe a importancia desta iniciativa para realzar a monumentalidade deste símbolo internacional da ría de Vigo.

En rolda de prensa, explicaron as diferentes propostas elaboradas para dotar de iluminación ornamental a Ponte de Rande e informaron de que hoxe mesmo a Xunta lle solicitou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que actúe con “axilidade” para elixir a alternativa.

Apuntaron que Xunta quere que a Ponte de Rande brille con luz propia, convencida de que a súa iluminación achegará valor engadido e será un novo atractivo turístico, que fará aínda máis recoñecible no mundo este emblema da enxeñería, a cidade de Vigo e a súa ría.

O obxectivo do Goberno galego é dotar a Ponte de Rande dunha iluminación flexible e adaptada a calquera evento singular da cidade o da contorna, e que se poida apreciar tamén de noite en toda a súa beleza.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que a concesionaria da autoestrada atendeu esta solicitude da Xunta de Galicia, e dispón de alternativas elaboradas por tres empresas diferentes para iluminar a ponte sobre as que debe decidir o Ministerio titular da autoestrada.

Todas as alternativas formuladas baséanse na coñecida como tecnoloxía ‘RGB’, que emprega as cores primarias, vermello, verde e azul, para crear un modelo cromático moito máis amplo que acada millóns de tons de luz.


Unha das opcións céntrase na iluminación dos tirantes, sen intervir nin no taboleiro da ponte nin nos pilonos, e ten un custo estimado de 226.000 euros. Outra das empresas presentou dúas propostas diferentes de intervención, baseada unha delas na iluminación do taboleiro con 600 proxectores, e unha segunda que engade tamén luces nos tirantes e nos pilonos. O seus orzamentos son de 650.000 euros e 1 millón de euros, respectivamente.
Finlalmente, presentouse unha alternativa máis desenvolvida en termos de proxecto, que analiza os controis de cor, o control óptico e o control de escenas, con propostas que optimizan a iluminación e permiten chegar máis lonxe con menos luz e iluminar integramente toda a estrutura. Está presupostada en 500.000 euros.
A conselleira de Infraestruturas trasladou a disposición da Xunta a colaborar no financiamento dos custos precisos para a instalación da iluminación ornamental da Ponte de Rande.

Solicitudes da Xunta en relación coa AP-9

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou a solicitude de axilidade ao Mininisterio de Transportes na decisión sobre a alternativa de iluminación e lembrou as diferentes demandas do Goberno galego en relación coa AP-9.

A ese respecto, subliñou a necesidade de que a Xunta e o Goberno de España aborden conxuntamente a transferencia a titularidade da Autoestrada do Atlántico a Galicia que a Administración autonómica ven demandando desde o ano 2009. Así mesmo, apuntou que cómpre que se poñan en marcha medidas para paliar os continuos incrementos das peaxes da AP-9 e que se realicen, canto antes, as obras pendentes de compensación aos veciños de Chapela, pola ampliación da Ponte de Rande, así como a liberalización da peaxe de Redondela.
 

Imaxes relacionadas