O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou as instalacións deste centro

A Xunta de Galicia abre unha nova unidade na escola infantil a Galiña Azul de Tenorio no Concello de Cerdedo-Cotobade

O centro pasa de catro unidades a cinco, superando por primeira vez nos últimos anos as 50 nenas e nenos matriculados

Incorpórase ao cadro de persoal do centro un novo educador

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 3 de febreiro de 2020

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitou esta mañá a escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul de Tenorio, na que a Xunta de Galicia vén de abrir unha nova unidade para pasar de catro a cinco.

Esta escola, que conta cunha oferta máxima de 74 prazas, acadou as 53 nenas e nenos despois do período extraordinario de matrícula, no que se inscribiron 10 pequenos. O xerente do Consorcio destacou que esta decena de cativos permite que, por primeira vez nos últimos anos, haxa que empregar a quinta unidade deste centro de Tenorio. Os novos matriculados incorpóranse á escola a partir de hoxe.

Perfecto Rodríguez salientou o esforzo do Goberno galego por garantir un recurso de conciliación a todas as familias que o precisen. Informou ademais que para a apertura desta unidade foi necesaria a incorporación dun novo educador á escola, que se sumou ao cadro de persoal existente de tres mestras, cinco educadoras e unha persoa destinada a servizos xerais.

O concello de Cerdedo-Cotobade conta con dúas escolas infantís da rede a galiña Azul, a de Tenorio con 74 prazas e a de Cerdedo con 30. Nesta última tamén se veu incrementada a matrícula para este mes de febreiro, posto que se matricularon tres nenas e nenos mais. Estas escolas suman un total de 104 prazas o que permite que este municipio pontevedrés supere amplamente de ratio de cobertura recomendada pola Unión Europea (33%), xa que na actualidade supera o 77%.

Imaxes relacionadas