A Xunta avoga por rachar cos estereotipos de xénero nos ámbitos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Ourense no acto “Mulleres referentes na ciencia en Galicia”

Ourense, 3 de febreiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avogou hoxe por rachar cos estereotipos de xénero en todos os ámbitos e, nomeadamente, naqueles relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, onde aínda persiste a fenda de xénero.

Así o destacou hoxe durante a súa participación no acto Mulleres referentes na ciencia en Galicia, que tivo lugar no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e no que tamén participaron a catedrática en farmacoloxía e premio María Josefa Wonenburger, Mabel Loza; e a catedrática de inmunoloxía e directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, África González. No acto tamén participou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

A Xunta ten posto en marcha diversas iniciativas para integrar a perspectiva de xénero na educación en xeral, e de forma específica no ámbito da ciencia. Así, por exemplo, conta coa Unidade de Muller e Ciencia e anualmente entrega os Premios María Josefa Wonenburger para recoñecer a traxectoria de mulleres destacadas no eido científico.

Outras iniciativas a destacar son o proxecto Donas de si, a través do que se elaboran unidades didácticas de mulleres pioneiras como a propia María Wonenburger, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal; e o programa Nin + nin -, iguais, que levou a varios centros educativos a mulleres referentes en distintos sectores.

Ademais, xa no eido laboral, cómpre lembrar que a Xunta reserva unha liña específica dentro do programa Emega para apoiar empresas de base científica ou tecnolóxica lideradas por mulleres.

Imaxes relacionadas