A Xunta impulsa o Camiño de Inverno coa estrea dun audiovisual sobre esta ruta incluído en 'O teu Xacobeo'

A comisaria do Xacobeo 2021 presentou hoxe en Monforte de Lemos este documental apoiado pola Xunta que recolle as experiencias persoais dun peregrino

Monforte de Lemos, 2 de febreiro de 2020

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participou hoxe en Monforte de Lemos na presentación do documental O Camiño de Inverno. Trátase dun proxecto audiovisual que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno galego para fomentar a participación da cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo.

No transcurso do acto, a comisaria do Xacobeo 2021 destacou “a importancia de proxectos como este para potenciar e promocionar outros camiños tan atractivos como o Francés” e fixo mención tamén ao feito de que o Camiño de Inverno foi un dos últimos recoñecidos oficialmente, xunto co Camiño Portugués da Costa. Precisamente, o fomento de outras rutas e a desestacionalización do Camiño é un dos obxectivos do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, a folla de ruta para preparar a celebración do vindeiro Ano Santo.

Xunto a Cecilia Pereira, tamén participaron nesta presentación Aída Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra e autora da guía na que se baseou este documental; Jaime Pardo, director do audiovisual e Marina Doutón, concelleira de Cultura de Monforte

O documental O Camiño de Inverno recolle a experiencia dun peregrino que fai este Camiño facéndose eco das paisaxes, da arquitectura e patrimonio que atopa nesta ruta de algo máis de 200 quilómetros e que atravesa as catro provincias galegas. O máis singular do proxecto é que toda esta información chégalle ao espectador en primeira persoa, a través das entrevistas e interacción deste actor tanto con outros peregrinos como coas xentes que viven no Camiño (asociacións, hostaleiros, representantes das distintas administracións...).

Investimento de 3 millóns de euros

A Xunta de Galicia dedica este ano importantes esforzos a mellorar e poñer en valor este trazado. Neste sentido, o Goberno autonómico dedicará 3 millóns de euros a sinalizar o tramo galego do Camiño de Inverno. Trátase dun proxecto que permitirá sinalizar 175 quilómetros en 13 concellos deste itinerario que está chamado a ocupar un papel cada vez máis destacado, pois entre outros territorios atravesa a Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial. Ademais, tamén se mellorarán os servizos para peregrinos, xa que está prevista a apertura dun novo albergue no Saviñao e o estudo para a creación doutro en Rodeiro.

Cómpre lembrar que o Camiño de Inverno é unhas das rutas xacobeas máis novas do Camiño de Santiago, pois foi oficializada en 2016, pero conta cun gran futuro e unha gran proxección xa que o número de peregrinos está a evolucionar notablemente e no ano pasado foi percorrida por máis de 1000 persoas.